O goberno de Ferrol logra que ADIF asuma a reparación da pasarela peonil de Santa Mariña

O Goberno de Ferrol mantivo hoxe a mañá unha xuntanza en Urbanismo con técnicos e xuristas do ADIF, o Administrador Infraestruturas Ferroviarias do Estado, a propósito da urxencia de que o Ministerio de Fomento asumira i executara, no inmediato, as obras para a reparación das obras da pasarela peonil de Santa Mariña, que conecta aos veciños deste barrio co Ensanche subsanando os actuais problemas de seguridade que presenta.

Foi unha xuntanza “fructífera”, tal e como explicaba hoxe ao remate María Fernández Lemos, concelleira titular da área de Urbanismo, Vivenda e Infraestruturas, logo de abordar o problema administrativo que supuxo a dificultade de acreditar a titularidade da mesma.

Está acreditado que non é de titularidade municipal, o que imposibilitaba, legalmente, que o Concello puidera acometer as obras precisas sen os requirimentos e trámites previos. Si hai un documento do ano 1961 de concesión da pasarela a unha xefatura territorial de ferrocarrís extinta, polo que pasa a depender do Ministerio directamente”, explicaba Lemos, esta mañá en rolda de prensa para dar conta desa xuntanza.

O ADIF recoñece que hai que facer esa reparación por seguridade e comprometeron facela este mes, en canto sexa posible, atendendo a orde de execución e favorecendo a protección antivandálica lateral que non ten a pasarela polo tempo no que se construíu”, informou a concelleira.

Ao respecto do talud da rúa Loureiro, Fernández Lemos trasladou aos técnicos de ADIF que “é preciso que se fagan cargo da obra”. Para facilitar e axilizar a súa execución, a edil comprometeu que o Concello lles achegará a separata do proxecto que se realizou no mandato anterior e que fixaba, teoricamente, un reparto ao 50% entre Fomento e o municipio para asumir o custo. Non obstante, tal e como lembraba hoxe, na primeira xuntanza que o alcalde Jorge Suárez mantiña coa exministra, Ana Pastor, non figuraba por escrito tal acordo.

Por último, na xuntanza, abordouse a tramitación do permiso de ADIF que o municipio precisa para executar a nova pasarela proxectada polo Goberno local con fondos propios e que foi presentada aos veciños de Santa Mariña o pasado 13 de marzo.

Tal e como se avanzara na presentación, a futura pasarela peonil de Santa Mariña, para conectar este barrio co Ensanche A, desde o Camiño Laxeiro ate a Rúa Seselle, terá un ancho de tres metros e un custo de 668.236,35 euros (IVE Incluído), que se acometerá con fondos propios do Concello no prazo de seis meses desde a súa adxudicación, coa vontade de que esta nova conexión peonil -peóns e bicis- estea rematada na primavera do 2019.

Acordaron facilitar os pasos necesarios para facer o deslinde de terreos e a autorización para executala”, rematou a concelleira. Mentras, e por seguridade, lembraba, a pasarela debe continuar pechada atendendo as indicacións visuais da Policía Local.

Para rematar, a concelleira quixo agradecer publicamente Directora Xeral de Explotación e Construción do Adif, Isabel Pardo de Vera, a súa implicación para desbloquear un proxecto vital para o Concello de Ferrol logo de varios meses de desleixo administrativo.

Lea también

FeC denuncia o lamentable estado dos parques caninos

Ferrol en Común denuncia «o estado lamentable no que se atopan os parques caninos da …