O «Monumento ao fígado» de Valón, Ferrol

Algúns de vostedes preguntarase o por que deste artigo. Este vindeiro 26 de abril de 2018 celebrarase na Asociación de Veciños “O Cruceiro” de Valón un acto de homenaxe polos 30 anos da inauguración do Monumento ao Fígado (1987-2017).

Situémonos no 1987 en Valón, na parroquia de Doniños. Á asociación de veciños chega o alcalde de Ferrol e doutor Xaime Quintanilla Ulla a dar unha das súas conferencias médicas. É recibido polos veciños/as, comezando unha “aventura” que remataría uns meses despois coa inauguración dun monumento dedicado a súa figura.

Naquela conferencia Quintanilla propuxo renderlle unha homenaxe ao fígado polo traballo que realiza dentro do corpo humano. Pero no seu discurso pronto fixo gala da súa militancia política socialista, dicindo que o corazón barulla moito e fai pouco (representando á dereita), e que o fígado sería como un concelleiro de esquerdas que desenvolve unha labor calada e eficaz. Pronto o comparou coas figuras do momento: Manuel Fraga e Felipe González (recordar que estamos en plena consolidación da democracia en España).

As palabras foron recollidas polos veciños/as de Valón, que mediante a súa asociación veciñal decidiron enviarlle unha carta ao propio alcalde e homenaxeado, propoñendo a creación dun monumento, o que rapidamente tivo unha resposta positiva por parte de Quintanilla. Uns meses despois (xuño de 1987) o “Monumento ao Fígado” sería inaugurado. Un monumento que dende o principio tería esa dobre significación: homenaxe a Quintanilla como doutor e como figura política da Transición ferrolá.
Valón (daquela Balón) deu a volta ao mundo xunto co seu fígado de pedra. Quizais moitos de vostedes non o recorden (un mesmo non o fai por unha cuestión de idade), pero Valón e o seu fígado de pedra chegaron a diversos de países ao redor do mundo, cualificándose como un monumento único e singular no mundo. Haberá xente a que non lle guste o monumento, mais a importancia reside no seu significado máis que na súa feitura.

Para os que non os saiban o “Monumento ao Fígado” atópase ao lado da Asociación de Veciños “O Cruceiro” de Valón, na parroquia de Doniños, lugar de Valón, rúa da Torre, no concello de Ferrol. O monumento se atopa hoxe esquecido por todas e cada unha das administracións públicas. Non está incluído en ningunha guía turística municipal, provincial ou autonómica. E iso pese a ser considerado como algo singular e único, e pese a rendibilidade cultural e por suposto económica e turística que lle podía sacar Ferrol. Ademais, que podería servir ao concello para conectar máis o patrimonio rural co urbano.

Vaia este artigo en homenaxe ao propio homenaxeado, xa falecido, primeiro alcalde democrático de Ferrol na Transición e recoñecido médico, Xaime Quintanilla Ulla. Aos directivos/as da Asociación de Veciños “O Cruceiro” que tiveron aquela xenial idea. E sobre todo aos veciños/as de Valón que colaboraron en todo aquel proxecto.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …