A Semana da Mobilidade e Educación Viaria do Concello de Narón desenvolverase entre os días 7 e 11 de maio

O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, presentou na mañá deste luns acompañado por Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Viaria de Narón, os actos da Semana da Mobilidade e Educación Viaria do Concello de Narón. O programa desenvolverase entre os días 7 e 11 de maio e contempla actividades dirixidas a diferentes colectivos e que se convocaron en diversas instalacións e espazos públicos da cidade, tal e como subliñou Sánchez Fojo. O concelleiro naronés convidou á veciñanza a participar nesta convocatoria.

Luns, día 7

O luns día 7 a rúa 25 de Xullo acollerá, entre as 10.00 e as 13.00 horas o Parking Day, con dúas actividades, unha “Biblioteca na rúa” e outra de Conversa en inglés. Xa pola tarde, entre as 16.30 e as 19.00 horas, terá lugar un Taller interxeracional no Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros, no que nenos e nenas de Primaria falarán sobre medidas de seguridade ao camiñar, e tamén o médico Carlos Piñeiro explicará o programa 100.000 Motivos de Peso. Ao remate haberá unha pequena camiñata polos arredores do Pazo. Tamén na tarde do luns se desenvolverá o Parking Day, nesta ocasión na Praza da Gándara, entre as 17.00 e as 20.00 horas, con contacontos en inglés, clases de guitarra, e un obradoiro de bonecos.

Martes, día 8

A inauguración dun circuíto de Educación Viaria nas escolas infantís municipais da Gándara e A Solaina abrirá as actividades do martes, a partir das 10.00 horas. Pola tarde, de 17.00 a 21.00 o local social do Alto acollerá un curso teórico-práctico para acompañantes de transporte escolar e de menores,  que impartirá persoal do Speis de Narón e de 18.00 a 19.40 continuará o Parking Day na praza da Gándara, nesta ocasión con obradoiros para facer cadernos e danzas urbanas.

Mércores, día 9

Na xornada do mércores día 9 o alumnado dos colexios da Solaina, Ayala, Virxe do Mar, A Gándara, Santiago Apóstol, Piñeiros, Jorge Juan, e Ponte de Xuvia que acuda a pé, en bicicleta ou monopatín a clase, poderá degustar un almorzo de balde, así como os seus acompañantes, entre as 8.30 e as 9.10 horas. Así mesmo, os funcionarios do Concello que fagan o propio poderán almorzar de balde na Cafetería do Concello e rematar media hora antes a súa xornada laboral. O Parking Day do día na Praza da Gándara, entre as 18.00 e as 20.00 horas incluirá sesións de pintura ao aire libre e clases de zumba. Tamén o día 9 pola tarde, de 18.00 a 20.00 haberá un obradoiro no Pazo da Cultura dirixido a embarazadas, sobre “Seguridade no automóbil; Sistemas de retención infantil”.

Xoves, día 10

O Pazo da Cultura será tamén o escenario das actividades programadas na mañá do xoves día 10, coa final das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria, entre as 10.00 e as 13.00 horas. As nenas e nenos de quinto e sexto de Primaria de colexios de Narón participarán na fase final desta convocatoria e os murais que realizaron nas aulas poderán verse na Biblioteca municipal polas tardes. O Parking Day da Gándara incluirá, entre as 17.00 e as 19.00 horas sesións de cerámica, un encontro de palilleiras e musicoterapia. Tamén nese horario terá lugar nas instalacións de Evo Skate, na Faísca, unha exhibición de skate e clases de iniciación.

Venres, día 11

O último día, o 11 de maio, a programación rematará, como é tradicional, coa Marcha Ciclista Escolar, que alcanza a undécima edición e na que participarán uns 1.200 escolares de tódolos colexios de Narón, do centro Maciñeira, de Neda e da Asociación Nuestra Señora de Chamorro. Os escolares de terceiro a sexto curso irán en bici ata o paseo de Xuvia, donde tomarán un aperitivo e presenciarán unha exhibición da Unidade Canina do Tercio Norte antes de regresar aos seus colexios.

A maiores, contémplanse dúas actividades, Móvete en Narón, dirixido á cidadanía en xeral, que consiste en inscribirse na aplicación Strava –de balde- e correr, andar ou ir en bici por Narón, rexistrando os datos entre o 7 e 11 de maio e con agasallos en cada unha das tres categorías para o que contabilice maiores distancias. As veciñas e veciños con tarxeta de bicis públicas tamén optarán a un ano de servizo de balde, que poderán conseguir no caso daquela persoa que faga uso do mesmo en máis ocasións entre os días 7 e 11 de maio en Narón ou Ferrol.

Queremos que as veciñas e veciños participen activamente nesta vintena de actividades, formativas, deportivas e lúdicas pero cun obxectivo común, que non é outro que fomentar a mobilidade sostible e a educación viaria”, subliñou Sánchez Fojo. O concelleiro naronés agradeceu de antemán a colaboración de todas aquelas persoas que participan neste programa impulsado a través do Concello “especialmente das rapazas e rapazas e mestres e ANPAS dos colexios de Narón, sen os que moitas delas non se poderían celebrar».

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …

Un comentario

  1. Esta mui ben eso da educación viaria, pero mentres os nenos están aprendendo educación viaria, os pais están esperando nós coches subidos na acera, aparcados en doble fila, etc…a educación primeiro tiña que ser para os pais…