Este xoves comeza en Pedroso a X «Mostra de teatro amador»

A décima edición da “Mostra de Teatro Amador” na parroquia de Pedroso, organizada polo Padroado da Cultura de Narón e a Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” comezará este xoves. O ciclo consta dun total de catro espectáculos, que rematarán o vindeiro 27 de maio, e que terán lugar no local social da Pombiña a partir das 19.00 horas, con entrada de balde, tal e como explicou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada.

Coincidindo co Día das Letras Galegas, este xoves terá lugar o primeiro dos espectáculos, protagonizado neste caso pola Corral Poliafónica, do Aturuxo de Melpómene. Ao remate da convocatoria haberá uns pinchos para os asistentes, tal e como indicaron desde “A Pombiña”.

A seguinte cita será o 20 de maio, coa representación de O anel máxico, a cargo do Grupo de Teatro da Fundación Terra de Trasancos, do Val. Trátase dunha obra adaptada e dirixida por Silvia Casal e para todo tipo de públicos.

Continuará a “X Mostra de Teatro Amador” de Pedroso o día 26 deste mes, coa actuación do Grupo O Lar da Farsa, que representará a obra Amor-sexo/Realidade ou fantasía, adaptada e dirixida por Quino Torres.

O peche desta mostra teatral correrá a cargo do grupo Sangue de Dragón, do Aturuxo de Melpómene, que subirá ao escenario do local social da Pombiña para representar a peza Algo pasa con Paco, obra de Alejandro Martín e dirixida por Cristina Mariño.

A edil responsable da área de Cultura recordou que esta programación teatral “continúa na senda das propostas do Padroado para achegar a programación cultural, neste caso o teatro, ás parroquias da zona rural, descentralizando deste xeito a variada programación que se desenvolve ao longo do ano desde este organismo”.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …