A cantautora Rozalén estará este sábado no Pazo da Cultura de Narón

A cantautora albaceteña Rozalén estará o vindeiro sábado, día 9, no Pazo da Cultura. Chega a Narón no marco da xira internacional de promoción do seu último traballo, Cuando el río suena…, que viu a luz o pasado ano. As últimas entradas dispoñibles están á venda na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es-, a un prezo de 18 euros para o público xeral e de 12,60 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos). O concerto comezará ás 20.00 horas e durará aproximadamente unha hora e media.

As letras de Rozalén teñen unha marcada vertente persoal, con historias emotivas e que defenden os dereitos das persoas máis desfavorecidas. Cuando el río suena… foi Disco de Ouro e estreouse no segundo posto de listas de vendas en España, encabezándoas tan só unha semana despois. Un total de once temas integran este traballo, que se dará a coñecer tanto en España como noutros países europeos e latinoamericanos.

Rozalén ten no mercado tres discos, editados nos anos 2013 –Con derecho a…- , 2015 –Quién me ha visto…- e este último, de 2017 –Cuando el río suena…-. A súa carreira musical xorde de nena e co paso dos anos foi ascendendo continuamente ata recibir numerosos recoñecementos e premios polos seus traballos. Colaborou con artistas do panorama nacional como Bebe, Luis Eduardo Aute, Miguel Bosé e outros recoñecidos profesionais da música.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …