Ricardo Carballo Calero, novo esquecemento da Real Academia Galega

O 30 de Outubro de 1910 naceu en Ferrol Ricardo Carballo Calero, unha das máis sobranceiras figuras da cultura galega. Alumno en Ferrol de Manuel Comellas, Carballo Calero foi un notable investigador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Padre Sarmiento, e profesor da Universidade de Santiago, da que foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura o ano 1965. Ademais de ser un magnífico orador, a súa ampla obra literaria inclúe poesía, ensaio, crítica literaria, teatro e narración. 

No eido da narrativa, a súa obra “A gente da Barreira”, premiada pola Editorial dos Bibliófilos Galegos o ano 1949, considérase a primeira novela publicada en galego despois da Guerra Civil. Dentro da literatura de tema pacego, cunha prosa sobria e xenuína, narra a realista historia do ascenso e caída dunha familia galega. O ano 1987 publicou “Scorpio”, Premio da Crítica da Narrativa Galega e para moitos a súa mellor obra, onde percorre o tempo histórico da guerra civil que lle tocou vivir, mesturando a ficción coa realidade.

Desde o seu primeiro libro de poemas en idioma castelán “Trinitarias”, publicado o ano 1928, compuxo unha abondosa obra poética recompilada en catro volumes: “Pretérito imperfeito”, “Futuro condicional”, “Cantigas de amigo e outros poemas” e “Reticencias”, obra póstuma editada en 1990.

Os seus traballos no eido da crítica literaria foron de gran importancia para a lingua galega. De xeito especial, a súa monumental obra ¨Historia da Literatura Galega Contemporánea” móstralle como un rigoroso crítico e un erudito historiador que usa un abondoso aparato documental, sendo recoñecida como obra imprescindible para o coñecemento da literatura galega.

Desigual valoración e maior polémica espertou a súa obra e as súas teorías sobre a reintegración lingüística galego-portuguesa, en colisión co proceso oficial de normalización do idioma galego, mantendo unha postura discutible, pero lexítima. Non obstante, Ricardo Carballo, home integrador e xeneroso, mesmo durante anos de esquecemento e illamento, estivo sempre por riba dos instigadores e polemistas dun e doutro signo.

Desde o ano 1963, data na que se cumpriu o centenario da publicación de Cantares Gallegos, tódolos 17 de Maio celébrase o Día das Letras Galegas, dedicándose o primeiro deles a Rosalía de Castro. Nas 55 edicións celebradas ata de agora, ningún escritor/ra orixinario da Terra e Mar de Ferrol foi nomeado para que se lle dedicase este Día. Este ano 2018 recibiu o galardón a escritora María Victoria Moreno, extremeña por nacemento e autófona por propia definición.

A pesares dos seus recoñecidos méritos e da calidade dos seus abondosos traballos, para moita xente bastante máis importantes que os dalgúns premiados de obra escasa e pouco coñecida, Carballo Calero, que cumpre todos os requisitos, non foi quen de ser nomeado para este galardón, nin con Barreiro nin con Méndez Ferrín, nin con Alonso Montero, nin con Víctor Freixanes, ao fronte da Real Academia Galega. Ante a apatía institucional, xa é hora que os políticos e as asociacións culturais de Ferrol deixen de mirarse o embigo e fagan unha merecente labor de reivindicación de Carballo Calero.

Lea también

Este martes Eduardo Martínez Rico presenta su novela “Confesión” en Cabanas

Este martes, día 7, a las 8 de la tarde, el Club Naútico “La Penela” de …