Comezan as obras de ampliación da zona de xogos infantil do Parque fluvial do Río Freixeiro

O Concello de Narón destina unha partida que ronda os 14.000 euros ás tarefas de ampliación da zona de xogos infantís do Parque fluvial do Río Freixeiro. O edil responsable da área de Servizos, Ibán Santalla, anunciou o inicio das obras, localizadas xunto á zona do actual parque infantil- e que executará nas vindeiras semanas a empresa Jardincelas. “Esta actuación correspóndese co plan do goberno local de renovar e dotar de novos xogos algúns dos parques infantís desta cidade, que en conxunto suman máis de medio centenar”.

A execución dos traballos responde a unha petición formulada pola veciñanza de Freixeiro, que solicitaba un columpio máis. “A maiores de atender esa demanda formulada por algúns dos usuarios, decidiuse tamén instalar novos xogos, para que as nenas e nenos que van a ese parque poidan desfrutar dunha oferta máis variada para o seu tempo de lecer”, subliñou Santalla. Por este motivo, instalaranse dous columpios, con dobre asento, un tipo randeira e outro tipo berce, que poderán utilizar menores de entre 0 e 14 anos. A maiores tamén se colocará unha rede de rube de altura, para usuarios de entre 3 e 14 anos. Na zona do chan haberá corteza de pino e o recinto estará valado cunha pequena estrutura de madeira, tal e como apuntou o concelleiro de Servizos.

Nos vindeiros días comezarán tamén uns novos traballos no Parque do Río Freixeiro, consistentes nese caso na instalación dunha caseta de aseos, que entendemos que é moi necesaria nese espazo da cidade, que será en breve unha realidade”, asegurou o edil naronés. Santalla explicou que tanto a ampliación da zona de xogos infantís como a caseta de aseos se cofinancian con cargo ao POS+ 2017 da Deputación da Coruña.

Santalla destacou o feito de que o Parque fluvial do Río Freixeiro “é unha das zonas verdes de maior extensión no noso Concello, despois dos paseos de Xuvia e A Gándara, polo que desde o goberno local apostamos por dotar dos máximos servizos ás zonas de esparcemento da cidade para que poidan desfrutar delas persoas de tódalas idades, contando nestes tres casos tamén con parques biosaudables”.

Lea también

A alcaldesa de Narón insta ao PP a respaldar a postura do goberno local e traballar para retomar o diálogo que permita construír a senda peonil e ciclista no Val

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, saíu ao paso das declaracións realizadas polo portavoz do …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *