Na tarde deste xoves presentación do libro “Lúa” de Pepablo Patinho, na biblioteca de Narón

Un total de vinte e cinco menores –as prazas totais dispoñibles- asistirán na tarde deste xoves ao acto de presentación do libro Lúa, do artista Pepablo Patinho. A cita terá lugar nas instalacións da Biblioteca municipal, a partir das 18.30 horas, e desenvolverase a modo de espectáculo multidisciplinar coa participación activa do público asistente, tanto as nenas e nenos como as persoas adultas que os acompañarán. A edil responsable da área, Mercedes Taibo, destacou a boa acollida que tivo esta iniciativa.

Aos menores entregaráselles un libro asinado polo autor pola súa asistencia, tal e como indicou a concelleira naronesa, que destacou que a presentación será “todo un espectáculo no que non faltarán a música en directo e un faladoiro para abordar os temas tratados nesta publicación de Pepablo Patinho: as guerras, as fronteiras…”. A protagonista do libro é Lúa, que pretende que os mozos e mozas reflexionen a través da lectura dos diferentes poemas desta publicación sobre os problemas da sociedade.

Así mesmo, respecto á área de Bibliotecas, Taibo recordou que este mércores abriu o prazo para anotarse nas últimas sesións de Conversa en Inglés que se imparten cada luns nas citadas instalacións municipais. As persoas que desexen asistir deben anotarse na propia Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. A edil recordou que as sesións se imparten de 11.00 a 12.00 pola mañá e, pola tarde, a partir das 17.15 e das 18.15. “Son as tres últimas que se convocarán antes do verán sobre a iniciativa Conversa en Inglés, que se retomarán finalizado o verán e nas que animamos á cidadanía a participar para mellorar o seu dominio da lingua inglesa en diferentes niveis”, apuntou.

Lea también

Efectivos de la Policía Nacional y Local de Narón redujeron a un hombre atrincherado con un cuchillo en la mano

Efectivos de las Policías Nacional y Local de Narón lograron reducir a un hombre, de …