En Narón, “Mercado de Primavera” desde este venres ata o domingo no Parque fluvial do Río Freixeiro

A primeira edición do Mercado de Primavera organizado polo Concello de Narón ofrecerá a partir de este venres e ata o vindeiro domingo día 17, artesanía, moda, gastronomía e música no Parque fluvial do Río Freixeiro. Algo máis dunha vintena de postos instalaranse na zona para que veciñanza e visitantes poidan desfrutar dunha nova proposta de lecer durante toda a fin de semana na cidade.

Unha docena de postos de venda de produtos da horta –froitas, alimentos ecolóxicos- de xardinería, decoración, moda e artesanía, compartirán espazo cunha decena de food trucks nas que se poderá degustar comida típica de diferentes países (xaponesa, italiana, mexicana, asiática, texana e tamén galega, entre outras opcións) –unha delas elaborará especialidades para persoas celíacas e outra de doces-. Así mesmo, reservarase un pequeno espazo para unha mostra de caravanas.

Na xornada de este venres no Mercado de Primavera abrirán a partir das 18.00 horas os postos de gastronomía, ata as 00.00, e o sábado e o domingo abrirán ás 11.00 e desde as 18.00. Tanto o sábado como o domingo, estarán operativos, a maiores dos postos de gastronomía, os de venda de diferentes tipos de produtos –de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas- e sucederanse, ao mediodía e pola noite, varias actuacións musicais.

O día 16 actuará Miguel Alonso, a partir das 12.00 e 3D Band, ás 21.00 horas, mentres que o domingo será o turno de Matthew Ward, ás 12.00 e de Irene Caruncho –a moza cedeiresa gañadora da cuarta edición do concurso La Voz, de Tele 5-, a partir das 20.00 horas.

Lea también

Narón impulsa varias actividades para conmemorar na cidade o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, presentaron esta …