Este domingo, Festa do Xogo no Parque do Río Freixeiro, en Narón

O Parque do Río Freixeiro, en Narón,  acollerá este domingo, día 24, a Festa do Xogo, unha proposta organizada desde o Padroado da Cultura de Narón e que contempla unha gran variedade de propostas para as nenas e nenos e nos que tamén poderán participar os maiores. A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, explicou que a festa se desenvolverá entre as 11.00 e as 14.00 horas e convidou ás veciñas e veciños a participar na mesma e gozar dos obradoiros, xogos e espectáculos que se sucederán ao longo da mañá “e que nos permitirán fomentar boa parte dos xogos tradicionais”.

Entre os obradoiros programados, apuntou, os asistentes poderán elixir entre os de chapas, de trebellos solares (pintasol, pipocas solares, pirógrafo…) e os de enredos e pompas xigantes. No apartado de xogos haberá tamén unha oferta moi variada, tal e como destacou a edil, cunha Xogoteca Ubuntu, de xogos xigantes (dinosauros e puzles) e tamén haberá, a modo de estacións temáticas, xogos de lanzamentos (chave, malla, birlos, ferradura), colectivos (pano, brilé, tiro de corda), carreiras (de sacos, de lorchas, de aros…), de habilidade (pesca de botellas, tirabalas, zancos, boliche…), de habelencias motoras (zancos, goma, comba) e musicais (de roda con música tradicional galega).

“Trátase dunha oferta dirixida tanto aos nenos e nenas como aos maiores, que en moitos casos poderán compartir boa parte destas propostas, tanto no caso dos obradoiros como nos xogos, amosando as súas habilidades e inxenio”, asegurou Espada.

Así mesmo, haberá un espectáculo de circo: “Máis difícil todavía”, cunha duración aproximada dunha hora e que tamén fará desfrutar a nenas, nenos e persoas adultas.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …