Narón colabora no “I Campus de Fútbol e Pádel” que se iniciará o vindeiro luns en Río do Pozo

José Antonio Villasuso, Carlos García, Emilio Iglesias e Román Romero na presentación – Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta maña xunto con Carlos García, José Antonio Villasuso (ambos da Academia Tsu-Chü, de rendemento técnico en fútbol) e Emilio Iglesias (P6 Narón Sport Center), o “I Campus de Fútbol e Pádel” organizado polas citadas entidades (nas instalacións do clube P6 Narón Sport no polígono de Río do Pozo), en colaboración, entre outros, co Concello naronés.

Esta nova proposta deportiva diríxese a nenas e nenos de entre 5 e 15 anos. Na actualidade xa están anotadas unhas corenta persoas, que iniciarán a primeira quenda –son semanais, de luns a venres, ata o 17 de agosto- o vindeiro luns, 2 de xullo. As persoas interesadas en inscribirse poden aínda facelo chamando aos números de teléfono 687-353 431 e 881 185 808. A cuota é de 50 euros por persoa e semana, se ben haberá que engadir 10 euros máis no caso de solicitar o servizo de madrugadores e 30 máis no caso de incluirse as comidas. As persoas que demanden o servizo de madrugadores iniciarán as actividades ás 8.00 horas, se ben o resto participarán entre as 9.15 e as 14.15 coa única excepción dos que soliciten servizo de comedor, que sairán ás 16.00 horas.

O campus constará dunha serie de adestramentos específicos de fútbol e pádel, nos que colaborarán xogadores profesionais de ambas modalidades deportivas. “O obxectivo deste campus é achegar aos participantes a unha serie de xogos que se poden practicar tamén nos parques e nas prazas do concello, de inculcarlles unhas propostas entretidas e lúdicas”, explicou Carlos García. Así mesmo, recalcou que se trata dunha proposta que permite tamén nestas datas estivais ás familias conciliar a súa vida laboral e persoal.

O concelleiro de Deportes animou á veciñanza a participar nesta nova actividade “para pasar un bo rato e aprender novas técnicas”, destacando ademais a importancia de convocar e impulsar este tipo de iniciativas para facilitar a conciliación ás familias.

Lea también

Boa actuación dos másters galegos no Campionato de España de 5K

Excelente balance para o atletismo máster galego que voltaba esta fin de semana cun total …