A alcaldesa de Narón e a edil de Igualdade entregaron unha trintena de diplomas de cursos do II Plan Municipal de Igualdade

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, entregaron na mañá deste martes no Auditorio municipal unha trintena de diplomas correspondentes a tres cursos enmarcados no II Plan Municipal de Igualdade. Un total de corenta mulleres e un home matriculáronse nestas accións formativas, se ben finalmente foron trinta os que realizaron o total das horas mínimas e a formación requeridos para a obtención dos diplomas correspondentes ao remate do curso 2017-2018.

Igualdade por medio da educación, Iniciación ás técnicas da confección e Integración e xestión familiar foron os cursos realizados polo colectivo ao que se dirixían, persoas de 18 anos, empadroadas en Narón e desempregadas. As clases de Igualdade por medio da educación, das que se entregaron un total de nove diplomas, impartíronse na Casa da Mocidade da Gándara; as de Iniciación á confección, coa entrega hoxe de once diplomas, no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, e as de Integración e xestión familiar, con dez diplomas, no colexio de San Mateo e na Casa da Mocidade.

O alumnado iniciou o curso en outubro de 2017 e rematouno o pasado 29 de xuño, co que a entrega de diplomas déronse por rematadas as convocatorias correspondentes ao curso 2017-2018.

Ferreiro e Sabio felicitaron á tódalas persoas que realizaron os cursos do II Plan Municipal de Igualdade e animáronas a continuar formándose no futuro. “Queda aínda camiño por percorrer pero entre todas e todos temos que continuar traballando por unha sociedade na que a igualdade entre homes e mulleres sexa real e chegue a tódolos ámbitos”, subliñou a alcaldesa da cidade.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …