Unha trintena de vehículos participarán este sábado no V Slalom Concello de Moeche

Moisés García e Beatriz Bascoy asinando o convenio – Concello de Moeche

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e mailo presidente da Asociación Automobilística Moeche, Moisés García, asinaron esta mañá na Casa do Concello o convenio de colaboración entre o consistorio e a entidade para o desenvolvemento do V Slalom que percorrerá as rúas de San Ramón durante a xornada do sábado. O acordo establece unha achega municipal de 2.500 euros para o evento, ademais de apoio loxístico e organizativo, como por exemplo a subministración do valado para todo o circuíto, a xestión de trofeos e da presenza de Protección Civil ou a cesión para ese día de espazos no propio Concello e na nave do Mercado, que este sábado non se celebrará. Até o momento van apuntados preto de 30 vehículos, pero desde a Escudería Moeche -marca que emprega a asociación- agardan que esta tarde, ao peche do prazo de inscrición, se teña superado esa cifra.

O V Slalom Concello de Moeche comezará a iso das 10.00h. coas verificacións administrativas e técnicas dos vehículos. A programación prevé unha manga de adestramentos xa pola mañá -aproximadamente a partir das 11.30h.- que se conta ter rematada antes das 14.00h., hora do xantar. A segunda manga de preparación comezará ás 15.00h. e, tan pronto remate, empezarán as saídas da primeira das dúas voltas oficiais que obrigatoriamente deberá darlle ao circuíto cada equipo.

Tal e como marcan as bases da proba, os vehículos participantes terán que facer alomenos unha das mangas de adestramento e correr as dúas cronometradas polo trazado de 1 Km. deseñado pola organización entre as rúas céntricas de San Ramón e o recinto feiral. Tal e como destacaba esta mañá o presidente da entidade, Moisés García, o circuíto é o mesmo que o ano pasado posto que, segundo dixo, “aos pilotos gústalles a súa configuración“, ademais de ter o aliciente de ser o único slalom do campionato galego que se disputa nunha zona urbana.

A diferenza do que pasa nun rally, neste tipo de competicións o percorrido “é máis técnico, non é unicamente a velocidade aínda que si teña zonas rápidas“, comenta García engadindo que o máis importante é a pericia ao volante para completar un itinerario intrincado con numerosas voltas e balizas que delimitan o camiño. Tocar calquera delas, demorarse na saída (ou saír antes de tempo), equivocarse nunha dirección ou non deixar o coche correctamente estacionado na zona final de garaxe -última parte da proba- son segundos de penalización que se van acumulando e que mesmo poden deixar en nada un tempo excepcional. “A xente que pelexa por unha copa ou pola xeral achégase moito aos conos. Tocalos ou tiralos conleva penalizacións que se van traducindo en tempo engadido. Non é coma un rally, onde o crono arranca á saída e para cando se chega ao final de tramo“, explica o presidente da Escudería Moeche.

O V Slalom de Moeche repartirá 930€ en premios e trofeos entre os seis primeiros clasificados na xeral. Tamén haberá trofeo para os tres primeiros en cada unha das seis agrupacións de vehículos -definidas pola cilindrada e por se teñen tracción dianteira, traseira ou integral-, ademais de premiar o mellor tempo dun coche histórico, o dunha nova promesa do volante e o que faga unha participante feminina. Agárdase que nesta edición se volva superar a trintena de pilotos inscritos.

O feito de tratarse dunha proba automobilística e de discorrer por unha zona poboada esixe, se cadra, un maior esforzo organizativo. Por iso a asociación conta cun dispositivo humano dunhas 70 persoas, ademais “de moitos veciños e veciñas” que botan unha man nos preparativos ou cedendo terreos como aparcadoiro.

Boa parte dese esforzo céntrase en garantir a seguridade. De feito, dos 16.000 euros de orzamento “arredor de 9.000 vanse só en seguros” e, por outra banda, tamén é fundamental acordoar todo o trazado mantendo as distancias prudenciais entre o público e os coches sen sacrificar por iso o espectáculo. E niso Moeche é tamén un lugar ideal, xa que a amplitude da zona da Feira e as bancadas naturais que hai xusto diante do Concello permitirán seguir as evolucións dos coches sen expoñerse innecesariamente ao perigo. Con todo, desde a escudería pídeselle ao público que se respecten “polo ben de todos” as zonas delimitadas.

Para o sábado anúnciase un día con nubes e claros e boa temperatura. Condicións que, unidas á afección que hai na comarca, traerán centos de persoas ata Moeche para gozar co espectáculo do motor. O centro de San Ramón estará pechado ao tráfico xa desde a noite do venres. Unha restrición que lle afecta á Avenida Deportivo da Coruña, á Rúa Andrés G. Pérez Soto, ao recinto feiral e a parte da Rúa da Feira, onde se habilitará un grande aparcadoiro para o público que estará acoutado nunha das zonas para os residentes. As outras tres zonas de estacionamento dispoñibles estarán detrás da Casa do Concello, na metade da Avenida Deportivo da Coruña no desvío da Corveira, na pista que baixa a San Xoán. Por mor da competición, este sábado tampouco haberá Mercado.

O Concello colabora no desenvolvemento do slalom cunha axuda de 2.500 euros ao abeiro dun convenio rubricado esta mañá por Beatriz Bascoy e Moisés García. O consistorio tamén achega material de protección -250 valos-, trofeos, a cisterna municipal e un vehículo motobomba, xunto coa posta á disposición da organización de espazos na nave dos tecidos e no vestíbulo da Casa do Concello. A Administración Local encargouse, ademais, de coordinar a presenza de membros de varias agrupacións de voluntariado de Protección Civil da comarca e de poñer persoal municipal ao servizo da proba.

Lea también

A alcaldesa de Narón asinou convenios con oito entidades deportivas por un importe global de 191.000 euros

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou hoxe e a pasada semana un total de …