A exposición «María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes»pódese ver no centro Carvalho Calero

A exposición «María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes», mostra central das Letras Galegas 2018, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, acaba de chegar ao centro cultural Carvalho Calero de Ferrol, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 30 de xullo. O proxecto expositivo, coordinado polo humorista gráfico, pintor e ilustrador David Pintor, afonda no universo literario de María Victoria Moreno a través de ilustracións realizadas sobre oito obras da autora.

A mostra itinerante pasou xa por Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Lugo e mais Vigo. Chega agora á cidade departamental, na céntrica rúa do Inferniño, na súa última viaxe antes da parada estival, para difundir entre a cidadanía o legado literario de María Victoria Moreno. A mostra consta de oito paneis con ilustracións dos personaxes principais e dos escenarios de oito dos seus libros, que foron creadas para a ocasión por outros tantos ilustradores e ilustradoras galegos: Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón.

Oito obras en imaxes

Impulsada polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, xunto co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a mostra xira arredor das obras «O cataventos», «A festa no faiado», «Anagnórise», «Mar adiante», «Un cachiño de bica», «Guedellas de seda e liño», «Leonardo e os fontaneiros» e «A brétema». Ademais, contén tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrecen unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o manuscrito da obra «O cataventos» e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Ursula Heinze.

A exposición acompáñase dun cuadríptico, que está accesible en liña en https://www.cultura.gal/sites/default/files/documents/destaques/cuadriptico_expo_letras_galegas_2018.pdf

Logo do seu paso por Ferrol, a mostra fará unha parada durante o mes de agosto, para continuar o seu periplo por Galicia en setembro, cando chegará a Lousame e continuará ata finais de ano por Ordes, Sanxenxo, Vilalba, Ourense e Celanova.

Un faro da literatura galega infantil e xuvenil

Licenciada en Filoloxía Románica, María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil (LIX)–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.

Lea también

Entrega de premios en Ferrol a los ganadores del IV Concurso de Fotografía “Puerto y Ciudad”

Este viernes 19 de abril, tendrá lugar en Ferrol la entrega de premios a los …