O Concello de Narón acolleu unha nova edición do foro de Diagnose e Plan de Acción das Políticas de Igualdade de Xénero

O Concello de Narón acolleu na mañá deste xoves entre as 13.00 e as 14.00 horas, unha nova edición da segunda fase do foro de Diagnose e Plan de Acción das Políticas de Igualdade de Xénero na provincia da Coruña, impulsado a través da administración provincial. A concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, xunto coas tamén edís naronesas Mercedes Taibo e Catalina García, acudiron á convocatoria, na que tamén estiveron presentes representantes políticos doutros municipios da comarca.

Compartimos Plan é o lema desta iniciativa, que se atopa xa na segunda fase, na que se inclúen a detección das necesidades en materia de igualdade de xénero a nivel tanto local como provincial e a compilación de información sobre programas, recursos e servizos existentes na provincia, tal e como indican desde a organización. Sabio, que agradeceu a participación neste evento, avanzou que nos vindeiros meses se realizarán as dúas seguintes fases, “a de elaboración dun Plan de acción, no que se concretarán liñas de actuación específicas, e a difusión do Plan Provincial, no que se coñecerán os resultados dos traballos que se leven a cabo e se reflectirán as demandas dos concellos e as necesidades dos cidadáns nesta área”.

“As aportacións que realicemos entre as diferentes administracións, así como as que se acheguen desde entidades ou a título particular, son fundamentais para poder avanzar nun tema tan relevante como as políticas de xénero”, subliñou a concelleira de Igualdade.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …