O Concello de Narón e hostaleiros da Gándara organizan o Odeón Bulevar Festival

O Concello de Narón e doce establecementos de hostalería da zona da Gándara –avenida Cataluña- organizan a cuarta edición do Odeón Bulevar Festival, que terá lugar por primeiro ano en dúas xornadas, os días 1 e 2 de agosto na citada ubicación.

A concelleira de Festas, Mar Gómez, e o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, presentaron na mañá deste luns o evento acompañados por dous representantes do sector hostaleiro da zona, Francisco Paz e Diego Abad, que agradeceron a colaboración prestada desde a administración local.

O mércores día 1 celebrarase Rockin´Odeón a partir das 21.00 horas, coa actuación dos grupos Five Strings Band, cuxos integrantes son da zona de Ferrolterra e que presentará o seu novo disco Everlasting Love; Vandallica, de Vigo, con tributos de Metallica e Debosses, neste caso un tributo a Bruce Springsteen. Tamén na primeira xornada de Odeón Bulevar Festival, e como novidade, tal e como avanzou a concelleira de Festas, celebrarase unha gran festa infantil na zona da rúa Cataluña, a partir das 17.00 horas, con atraccións para as nenas e nenos, música e unha gran festa da escuma.

Na xornada do xoves, día 2 de agosto, será o Odeón Bulevar Festival, cun repaso pola música da década dos 80 a cargo de míticos grupos como La Guardia e Los Limones e no que tamén actuarán Nuevo Plan e Malditos Pendejos, a partir das 21.30 horas.

Os organizadores do evento destacaron o feito de que todos os concertos e actividades son de balde e subliñaron a importancia que ten a organización de eventos deste tipo para revitalizar o sector hostaleiro da cidade. Sobre esta última cuestión pronunciouse tamén o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, que destacou o traballo que realizan os empresarios de hostalería da cidade e valorou o feito de que nesta ocasión unha parte dos que contan con establecementos na zona da Gándara constituísen oficialmente a Asociación Bulevar Odeón, a través da que impulsarán eventos como o programado a principios de agosto.

Así mesmo, Gómez e Villamar agradeceron a colaboración prestada desde o Centro Comercial Odeón, que un ano máis porá a disposición do evento o estacionamento soterrado das citadas instalacións.

Os edís naroneses convidaron á cidadanía a acudir a este festival “que por primeiro ano será dous días e conta cunha programación pensada para os nenos e nenas que se compaxinará coas actuacións de varios grupos, pensadas para diferentes tipos de público”.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …