Falando dos contedores e das ocorrencias dos activistas culturais de Ferrol

No mundiño político, mesmo entre os contacontos e activistas culturais, hoxe está de moda o termo contedor (“contenedor”) para denominar a todo aquel espazo, aberto ou pechado, con teito, sen teito ou con goteiras, onde se pode levar a cabo calquera tipo de actividade social, política, cultural ou recreativa. Esta arrepiante verba vale, polo tanto, para se referir a museos, auditorios, salas de conferencias e de exposicións, bibliotecas e todo aquilo que poida albergar calquera evento, outra horrible palabra empregada ultimamente.

Cumpre ter en conta que se poden conter as sardiñas, a salsa de tomate ou o lixo reciclable, máis non a cultura, que por natureza e definición é incontida, non se pode conter. Cando chegue o día que a cultura estea contida entre catro paredes ou dentro da mente dalgún xerarca político, acabouse a cultura. Quizais nalgunha desas sardiñadas ou churrascadas culturais que promoven os políticos actuais estea a clave do que hoxe moitos consideran cultura.

O Foro de Amigos de Ferrol quere facer un percorrido polos contedores de Ferrol, comezando polo Centro Cultural Torrente Ballester, que non é quen de seguir a boa práctica de dedicar unha sala aos traballos dos pintores e artistas locais. A antiga sala de autopsias, hoxe Sala de Proxectos, un atractivo espazo abovedado dese Centro, debería selo axeitado lugar onde os artistas ferroláns puideran expor de forma periódica a súa obra.

Fai algúns anos a adquisición e reforma do antigo casarón do Goberno Militar na praza da Constitución, hoxe ocupado pola Fundación ABanca, permitiu contar na cidade cun amplo edificio dotado dun salón de actos e varias salas para exposicións, cursos, conferencias e diferentes actividades culturais e sociais. Tras un prometedor comezo coa celebración de actos culturais de certo interese, neste intre a súa xestión actual é un exemplo negativo para a cidade no plano cultural, non ofrecendo facilidades aos pintores e artistas ferrolás.

Tristemente desaparecida a Galería Sargadelos, un lugar para todos e a única entidade que nos derradeiros tempos amosaba interese pola cultura local, a sede de Toxos e Froles neste intre está desaparecida, o Ateneo Ferrolán amosa una hiperactividade de actos, a maioría sen interese, e o Casino Ferrolano se perde na súa errática programación. Mentres seguen as carencias das entidades sen teito (“sin techo”), o Club de Prensa continúa o seu monótono camiño e a Sociedade Artística Ferrolana busca o acougo no seu novo local, os pintores e artistas ferroláns non son quen de atopar un lugar para presentalos seus traballos. Van a ter que voltar ao simpático costume do pintado das Meninas nas ruínas do barrio alto da cidade.

No que atinxe á Exponav, museo da Construción Naval, deberíase dedicar a temas específicos da súa especialidade. Hoxe semella un lugar todo terreo, onde se pode ver unha exposición sobre o Camiño Inglés ou unha mostra de viños de marca. As dúas últimas exposicións presentadas en Exponav, sobre a Escola de Máquinas e a figura do mariño Blas de Lezo, tiñan que celebrarse no lugar que lles correspondería, ou sexa no Museo Naval, que desta rolda semella deixar de facer os seus deberes.

Mentres as diferentes exposicións sobre a Semana Santa ferrolá seguen a súa errante itinerancia sen atopar acubillo, a Autoridade Portuaria persiste no seu erro de presentar exposicións na sala de Curuxeiras, lonxe do centro da cidade, cando esa sala debería ser o lugar de recepción dos viaxeiros que chegan a Ferrol por vía marítima, incluíndo a axeitada venda de recordos e o reparto de información turística.

A Biblioteca Municipal leva a cabo de xeito periódico exposicións culturais de certo interese, ao contrario da Universidade, tan lonxe da cidade no aspecto cultural. Pola súa parte, o Centro Cultural Carballo Calero continúa tan paralizado como sempre e ata o Colexio de Arquitectos celebrou a súa última exposición ao ar libre, na praza de Amboage.

Para rematar, anúnciase a derradeira ocorrencia municipal: transformar o cemiterio comercial de Porta Nova nun contedor social para asociacións de todo tipo, na vez de convertelo nun centro ao alcance dos emprendedores, tan necesario hoxe na cidade.

Lea también

Exitosa presentación de “Confesión” de Eduardo Martínez en el C.N “ La Penela”, en Cabanas

María Fidalgo Casares– “Mi éxito está en que me lean” . Así cerraba Eduardo Martínez …

Un comentario

  1. Tanta negatividade ……e por riba con solucións “magnificas “ cargadas dun descoñecemento absoluto.
    As críticas son necesarias pero é que nas máis de cincuenta liñas non se pode ler nada co que se atope de acordo….cheira que arrecende.
    Al final vai resultar que o único que leva a razón e vostede e tódolos demàis o único que fan é cometer erro tras erro, non si?
    Sendo “amigo de Ferrol” quen precisa inimigos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *