Cartel de lujo en el Trishark Narón 2018

Amando Guerrero, Marián Ferreiro, Román Romero e Paco Villanueva na presentación – Concello de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o Concelleiro de Deportes, Román Romero, o presidente do Náutico Narón, Amando Guerrero e Paco Villanueva de FEGATRI (Federación Galega de Triatlón) presentaron esta mañá o Trishark 2018 que terá lugar este sábado nas inmediacións do Paseo Marítimo de Xuvia.

Case 300 deportistas daranse cita o vindeiro sábado no paseo marítimo de Xuvia para disputar esta proba, Gran Premio Toyota Breogán Motor. O Náutico de Narón recuperaba o ano pasado esta proba despois de case vinte e cinco anos fóra do calendario deportivo galego. Nesta segunda edición é de destacar a participación deportistas de nivel nacional e internacional como son: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) campiona de España elite e vencedora no Trishark 2017; Joselyn Brea (Tri- Penta de Lugo), a venezolana que se atopa á espera da nacionalidade española e que xa se proclamou campiona galega de dúatlon o pasado mes de abril en Narón e quinta no Campionato de España de Triatlón; Edymar Brea (Tri- penta de Lugo) subcampiona galega de dúatlon, a internacional Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), Paula Ferreiro, Marta Barbeiro e Ana Santiso (Náutico Narón); as cadetes Carla Guisande (Fluvial de Lugo) e Henar Alonso (Galaico) terceira e cuarta respectivamente no campionato de España cadete.

Na proba masculina o cartel tamén será de autentico luxo: o valenciano Javier Lluch (Fluvial de Lugo) terceiro no campionato de España elite; Andrés Cendán (Fluvial de Lugo) terceiro no Cto. de España elite de acuatlón; Esteban Basanta (Fluvial de Lugo) Campión de España cadete; o naronés Brais Canosa (Inforhouse Santiago) campión galego de dúatlon; Antón Ruanova que nas dúas últimas tempada corre baixo bandeira brasileira; Diego Paz, Alejandro Canas (Inforhouse de Santiago); Nico Domínguez (Disa HPS de Gran Canaria), Carlos Brión e Jorge González (Riveira); Pablo Ortega (Lugones) campión asturiano de acuatlón; José Luis Bodalo (Biciletas Pina de Toledo), Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol), o inglés especialista en longa distancia Colin Widhtgam (Mersey Tri), ademais dos nomes propios mencionados haberá presenza de mais de vinte clubs, na súa maioría galegos, ademais de Asturias, León, Castellón, Navarra, Cádiz. Nesta edición completouse a inscrición prevista, quedando pechada a mesma dende hai varios días.

A competición dará comezo ás 16:15 coa disputa dunha proba popular en distancia supersprint (300 natación-12 km de bicicleta -2,5 de carreira). Mentres a proba principal disputarase formato sprint (750 natación-24 bicileta-5 de carreira) sendo a saída da proba feminina ás 17:15 horas, e a masculina ás 17:30 horas. A proba naronesa busca facerse un oco entre os tríatlons de prestixio nacional. Desenvolverase no paseo Marítimo de Xuvia, un marco incomparable para a práctica deportiva. A proba ademais do respaldo do Concello de Narón e Federación Galega de Tríatlon conta coa colaboración de pequenas empresas de Ferrolterra, así como o patrocinio da bebida ISEATONIC, bebida galega para deportista que se prepara con auga mariña. A Alcaldesa de Narón amosou o seu agradecemento á A.D.Náutico Narón polo bo traballo que durante todo o ano ven desenvolvendo no noso concello e animou á veciñanza a achegarse ata Xuvia para desfrutar desta proba deportiva.

Dende o Concello tamén se informa, que debido ao desenvolvemento deste evento haberá diversos cortes de tráfico que afectarán tanto á Estrada de Castela como a diferentes rúas do entorno do Paseo Marítimo de Xuvia, polo que se pide aos veciños e veciñas desculpas polas molestias ocasionadas así como a máxima colaboración para que a proba poida transcorrer sen incidencias.

Lea también

Cinco metais para as universidades galegas no seu estatal

Esta fin de semana desprazáronse ata Badaxoz un total de 23 atletas universitarios galegos para …