Á venda as entradas dos espectáculos programados para o último cuadrimestre deste ano no Pazo da Cultura

As entradas para os espectáculos programados polo Padroado da Cultura entre os meses de setembro e decembro deste están xa á venda para o público xeral. Agás o concerto de Luz Casal -fixado desde hai varios meses para o vindeiro 6 de outubro e con entradas esgotadas- as persoas que o desexen poden adquirir as do resto de espectáculos previstos na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura -https://www.padroadodecultura.es- tal e como recordou a concelleira responsable da área, María del Carmen Espada.

A edil naronesa destacou a variedade da programación “que unha vez máis permite contar en Narón con grandes profesionais do teatro, da música e do baile, aunando propostas dirixidas a todo tipo de públicos e coas que poderán desfrutar de espectáculos de moita calidade”.

Recoñecidas actrices e actores do panorama nacional subiranse ao escenario do Pazo no último cuadrimestre do ano, cunha vintena de propostas culturais centradas no teatro, pero das que tamén formarán parte a danza, a música e o circo. Concha Velasco, Antonio Resines, Dani Rovira, Isabel Risco, Javier Gutiérrez e Cristina Castaño forman parte destes profesionais que protagonizarán parte destes espectáculos previstos no Pazo.

En setembro

A programación retomarase o vindeiro 15 de setembro, coa representación de Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira, o novo espectáculo do dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosquera, Mofa e Befa, centrado na filosofía e no que se profundiza en dous xeitos de pensar, o correcto e o incorrecto. Ese mesmo mes terán lugar tamén a obra El funeral, protagonizada por Antonio Resines e Concha Velasco, que se representará o día 22; a peza Da avaricia, a luxuria e a morte, de Teatro do Noroeste, os días 28 e 29.

En outubro

No mes de outubro retomarase a actividade no Pazo o día 7, cun espectáculo dirixido ao público infantil, Os tres porquiños, de Educateatro Produccións, no que a música xogará un papel fundamental e protagonizada por bonecos a tamaño real. Os días 19 e 20 será o turno da compañía Teatro do Atlántico, que representará traxicomedia Dúas donas que bailan; o 21 o espectáculo de danza, malabares, equilibrios e tecnoloxías –circo contemporáneo- Sinergia 3.0, da compañía Nueveuno; o día 27 será o turno da danza, con Concierto para un olmo, da compañía Seda, e o día 28 as compañías Teatro dos Ghazafelhos e Urdime traerán ao Pazo o espectáculo de teatro e música A nena e o grilo máis alá.

En novembro

O mes de novembro estreará a programación -o día 1- Etiqueta Negra Producciones, con Monólogos interruptus, a cargo dos cómicos J.J. Vaquero, Dani Rovira e Iñaki Urrutia e continuará a actividade o día 3 coa obra de teatro La extinta poética, da compañía Nueve de nueve; o día 4 con Las aventuras de Tom Sawyer, de La teta calva e o espectáculo de ballet Carmen, de Víctor Ullate o día 10 de novembro. Continuará a actividade o día 17 con ¿Quién es el señor Schmitt?, da compañía Barco Pirata, con Javier Gutiérrez e Cristina Castaño entre o seu elenco; o 18 con Alegría, palabra de Gloria Fuertes, de Teatro de Malta e o 24 coa obra teatral Tal vez soñar, de Unahoramenos Producciones.

En decembro

No mes de decembro terán lugar a comedia Estás aí?, de Redrum Producciones, o día 1, e de cuxo elenco forma parte a actriz Isabel Risco; o espectáculo tamén teatral para público infantil La Granja, de Teloncillo teatro o día 2; o ballet La Bella durmiente, de Goldberg Management, o día 14; o espectáculo musical Noró, de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre o día 15; o de gospel Connecting Souls, de Chicago Mass Choir o día 21, e pechará a programación –prevista ata a data desde o Padroado da Cultura- a compañía Ron Lalá coa comedia Crimen & telón o día 22 de decembro.

A programación ao completo do último cuadrimestre do ano pode consultarse na páxina web do Padroado da Cultura, a través do enlace: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectáculos-.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …