O Concello de Narón abrirá en setembro o prazo de inscrición nas Escolas Culturais e Deportivas municipais

En Narón as persoas que desexen matricularse nalgunha das Escolas Culturais ou Deportivas municipais, a través do Padroado da Cultura ou do Servizo Municipal de Deportes, poderán facelo a partir do vindeiro 10 de setembro nas oficinas do Pazo ou do Pavillón Polideportivo da Gándara, respectivamente.

Na área cultural ofértanse oito propostas do ámbito tradicional, dúas artísticas, a Escola de Formación Actoral e Bailes de Salón, a maiores das que na área de música e instrumentos se poden cursar a través da Asociación Cultural Musical Sementeira.

No que respecta ao Servizo Municipal de Deportes, as novas inscricións a partir do vindeiro mes serán para piscinas e ximnasio, as Escolas deportivas en pavillóns e actividades conveniadas e as Escolas deportivas exteriores e outras actividades de clubes.

Escolas Culturais Municipais

As Escolas Culturais Municipais ofertan un ano máis clases de Danza tradicional, Canto e Pandeireta –a partir de 5 anos-, Gaita, Percusión Tradicional –desde os 6-, Acordeón, Zanfona –a partir de 8-, Construción de instrumentos –a partir de 16-, O Recuncho dos Pequechos –de 3 a 4 anos-. Na área artística as propostas son Debuxo –a partir de 6 anos- e Teatro –desde os 4-. Todas estas opcións teñen un prezo de 63,10 euros por curso. No caso de Bailes de salón –a partir de 4 anos- o prezo é de 31,60 euros por matrícula e 15 euros ao mes e na Escola de Formación Actoral o primeiro curso custa 63,10 euros; segundo e terceiro 208 cada un e o Practicum 63,10 euros. O prazo de inscrición nas Escolas Culturais Municipais permanecerá aberto do 10 de setembro ao 5 de outubro. Poden formalizarse de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 e os sábados entre as 10.00 e as 13.30. Para solicicitar máis información pódese chamar ao teléfono 981 391 144.

Sementeira

Así mesmo, na área de Cultura tamén se pode optar polas propostas realizadas a través da Asociación Cultural Musical Sementeira, que abrirá tamén o prazo de matrícula o día 10 de setembro e pecharáo o 22 dese mesmo mes. Neste caso hai que formalizalas nas oficinas da citada entidade, ubicadas no segundo andar do Pazo da Cultura –de luns a venres de 17.00 a 19.00 e os sábados de 11.00 a 13.00-. As cotas de matrícula son de 68 euros para as materias: Música e movemento, Iniciación á linguaxe musical, Linguaxe musical, Harmonía, Linguaxe musical e harmonía, Linguaxe músical adultos, Linguaxe musical para adultos e harmonía, Instrumento ou Dous instrumentos (xuvenil ou adulto) e tamén inclúen unha cota mensual (oito ao ano, de outubro a maio) que en función da opción elixida oscila entre os 10 e os 50 euros. En canto ás especialidades de instrumentos as posibilidades que se ofrecen desde Sementeira son: frauta traveseira, óboe, clarinete, saxofón, fagot, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, violonchelo, contrabaixo e percusión. Para solicitar máis información ao respecto pódese chamar ao número de teléfono 699 458 267.

Escolas deportivas

En canto ás novas inscricións da tempada 2018-2019 das Escolas Deportivas municipais, os veciños e veciñas de Narón e posuidores do bono familiar poderán solicitar as actividades da piscina e ximnasio a partir do 10 de setembro e ata o 28 –de luns a venres de 9.00 a 13.00 horas no Pavillón Polideportivo da Gándara- e os doutros concellos a partir do 17 (tamén ata o 28) no mesmo horario. As Escolas deportivas nos pavillóns e actividades conveniadas (balonmán, boleivol e ximnasia rítmica) abrirán o día 10 o prazo de inscrición e o día 11 as Escolas deportivas exteriores, actividades conveniadas e outras actividades de clubes (atletismo, tenis de mesa, tiro con arco, remo, xadrez, fútbol, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, boxeo, kick boxing e patinaxe artística). As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao número de teléfono 981 387 522

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …