Terra Galega celebrará o vindeiro 9 de setembro a tradicional Festa do Río na área recreativa de Pedroso

Fot. arch.

O secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o coordinador do partido na cidade, Ibán Santalla, participarán o vindeiro 9 de setembro na tradicional Festa do Río organizada por Terra Galega. A área recreativa de Pedroso acollerá un ano máis esta convocatoria festiva, que reúne nesta parroquia da localidade a centos de militantes e simpatizantes de TEGA no municipio e tamén procedentes doutros concellos.

A programación deseñada por Terra Galega para esta convocatoria dará comezo sobre as 13.00 horas, cunha actuación musical para animar aos asistentes e amenizar esta xornada de confraternidade. Ao mediodía haberá un xantar popular que terá lugar baixo unha gran carpa que se instalará na zona para a ocasión.

Antes da comida Guillermo Sánchez Fojo, Marián Ferreiro e Ibán Santalla, que presidirán esta convocatoria, dirixirán unhas palabras ás persoas que acudirán este ano á Festa do Río.

A celebración na área recreativa prolongarase ata última hora da tarde, podendo durante este tempo os asistentes gozar das múltiples propostas organizadas para a ocasión. Entre elas, poderase desfrutar dunha gran variedade de xogos tradicionais, tanto as persoas adultas como as nenas e nenos que acudan á Festa do Río. Trátase dunha serie de actividades interxeracionais, como xincanas, tiro á corda… e que inclúen a maiores varios inchables para os menores, que se ubicarán tamén na zona da área recreativa de Pedroso.

Terra Galega organiza este mes de setembro unha nova edición da Festa do Río, unha das celebracións máis consolidadas no calendario desta formación tralo remate da tempada estival.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …