O grupo municipal do BNG de Fene sinala o total desgoberno que vive o Concello

«Desde o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Fene queremos facer unha análise precisa e sintética da situación de total desgoberno que se vive no Concello nestes momentos. Tamén queremos e debemos desmontar as mentiras que se lle están trasladando á opinión pública a través dos medios. Principalmente aquelas que pretenden enmascarar a inoperancia de PP e Somos Fene detrás da lexítima alegación ao orzamento presentada polo sindicato CIG» sinala o BNG nun comunicado.

«Nunha nota publicada hai escasos días por un xornal local, a concelleira do PP Rocío Bértoa, asegurou que o Concello non podería asumir a suba salarial do persoal municipal nin tampouco abonarlles os atrasos desde xaneiro. Primeira mentira, posto que eses incrementos nos salarios dos traballadores e traballadoras xa figuran na nómina correspondente ao mes de agosto. De feito, as subas permitidas pola lei son independentes de que se aprobe o orzamento ou non e xa se viñan aplicando nos últimos anos cun orzamento prorrogado que segue en vigor mentres non se resolva a alegación presentada pola CIG.

Por outra banda, parece descoñecer o PP que os atrasos tamén poden ser asumidos co crédito procedente das prazas vacantes non cubertas, algo que seguramente descubriría se sentase falar coa representación laboral antes de aprobar os orzamentos. Cousa que non fixo e que foi substituída polo rodillo dictatorial e caótico co que se pretende dirixir a Administración local desde o pasado mes de abril. A este respecto queremos destacar tamén a desfeita que se está levando a cabo na organización dos servizos municipais, movendo persoal duns postos para outros e deixando departamentos fundamentais baixo mínimos mentres se contratan empresas externas para facer traballo que antes sacaban adiante coa máxima dilixencia e competencia os traballadores do Concello».

Despropósito e manipulación

«Pero o despropósito e a manipulación do Partido Popular non para aí, senón que tamén aseguran con total desprezo da verdade que o Concello non poderá incrementar as horas de atención no Servizo de Axuda no Fogar por causa da alegación presentada xa que, segundo Rocío Bértoa, «as contas municipais que ían entrar en vigor recollían o aumento da achega económica que debía realizar a Administración local». Esta é a segunda grande mentira do PP. O seu proxecto de orzamentos non inclúe ningún incremento nesa partida debido a que a asignación de 15.996 horas a maiores para o SAF por parte da Xunta se fixo o 2 de agosto, tres días despois da aprobación inicial do orzamento.

É dicir, o dato sobre a achega económica que debía facer o Concello de Fene sóubose despois de que o orzamento fose a pleno, polo que é imposible que se consignase partida algunha. Revisando con detemento o documento dos orzamentos compróbase que PP e Somos Fene deixaron a cantidade tal e como estaba xa contratada, non preveron ningún aumento das contías que permitirían asumir o cofinanciamento de máis horas de axuda no fogar, ou o que é o mesmo, ampliar a máis persoas un servizo moi demandado e necesario para a veciñanza. Ademais de mentirlle á xente, o PP evidencia a súa incapacidade política e xestora nesta cuesti��n, dado que cunha simple chamada telefónica podería ter unha previsión sobre as horas que asignaría a Xunta -15.996- e reflectir o seu custe no orzamento municipal. Algo que, obviamente, non se fixo e do que despois se quixo culpabilizar á CIG».

A terceira mentira

«A terceira grande mentira do PP e Somos Fene da que se fixeron eco os medios asegura que os plans provinciais deste ano 2018 «sufrirán retrasos por mor da paralización do orzamento». Desde o BNG de Fene queremos precisar que se hai algún retraso na execución de obras é pola propia incompetencia dos dous grupos que ocuparon o goberno. Todo, absolutamente todo o que se está facendo ou xa está feito en canto a infraestrutura pública é resultado das licitacións que deixaron en marcha o BNG e Esquerda Unida gobernando en minoría, con constantes atrancos da oposición e cun orzamento prorrogado durante tres anos. Polo tanto, a cidadanía debe ter claro que a alegación presentada ao orzamento non é motivo para retrasar a contratación de obras ou para asumir os compromisos adquiridos cos plans provinciais».

Absoluto desgoberno

«En resume, asistimos a unha situación de absoluto desgoberno que só se pode atribuír á patente división existente entre quen asaltaron o poder hai case cinco meses ou ao seu total descoñecemento sobre como funciona a Administración local. Van aló os 100 días de graza que se lle conceden a calquera goberno entrante, mesmo a este. O balance non pode ser peor: viven das rendas que lles deixou o anterior equipo de goberno, foron capaces de desbaratar en pouco tempo unha estrutura municipal que funcionaba coa máxima eficiencia e, incapaces de asumir os seus propios erros, teiman en culpar a outros da súa neglixencia. As alegacións que se puidesen presentar ao orzamento municipal non «bloquean» nada, é a súa xestión desastrosa quen fai perigar a boa gobernanza do Concello».

Lea también

Un jurado declara no culpable a la mujer acusada de matar a su marido en Monfero

El Tribunal del Jurado ha considerado a la acusada de matar a su marido en …