Tres axentes da Policía Local representarán ao Concello de Narón nos VII Xogos Europeos de Policías e Bombeiros en Alxeciras

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os concelleiros de Seguridade Cidadá e Deportes, Guillermo Sánchez Fojo e Román Romero, respectivamente, recibiron na mañá deste xoves no despacho de Alcaldía aos tres axentes da Policía Local que representarán ao Concello na sétima edición dos Xogos Europeos de Policías e Bombeiros. Esta cita deportiva desenvolverase a partir de este venres, día 21, e ata o vindeiro sábado, día 29, en Alxeciras, ata donde se desprazarán os policías Sonia López, Martín Vilariño e Pablo Pita.

Ao longo de nove días os asistentes a este evento –a organización prevé que acudan uns 8.000 procedentes de toda Europa- participarán nas probas que se irán sucedendo e que inclúen preto de medio cento de modalidades deportivas. Dous dos representantes de Narón, Sonia López e Martín Vilariño, participarán o día 29 nunha media maratón duns vinte e un quilómetros, e Pablo Pita competirá os días 25, 26 e 28 nas probas de forza –press de banca, sentadilla e peso morto- e dominadas.

Esta proposta deportiva convocarase tamén a nivel mundial o vindeiro ano, en Xapón, alternando anualmente as convocatorias europeas e mundiais. Neste evento participan ademáis de policías e bombeiros, persoal de corpos de seguridade privada, de salvamento marítimo, Gardas Civís, policías portuarios e de aduanas e de emerxencias sanitarias, entre outros.

Os tres axentes da policía local de Narón que acudirán ás probas aseguraron estar moi ilusionados con esta oportunidade e valoraron a colaboración do Concello á hora de facilitar a súa participación nas mesmas.

A alcaldesa da cidade e os edís presentes neste acto entregáronlles aos tres axentes a equipación deportiva coa que competirán nesta edición dos VII Xogos Europeos de Policías e Bombeiros e desexáronlles moita sorte nas probas nas que están inscritos. Así mesmo, Ferreiro destacou “o feito de que, a través dunha iniciativa como esta, contribuades a que Narón poida estar presente en eventos deste tipo, xunto con representantes de corpos e forzas de seguridade e emerxencias doutros países europeos”.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …