Quedada de vehículos 4×4 esta fin de semana en Narón

Instante da presentación da quedada 4×4 – Concello de Narón

Narón acollerá esta fin de semana unha Quedada de 4×4 organizada polo Club NHD ADVENTURE e o Concello de Narón, e que terá como centro das actividades o recinto multiaventura NHD ADVENTURE, situado no Polígono río do Pozo.

Como explicaron dende a organización, este evento nace coa idea de ser punto de encontro para os numerosos usuarios e usuarias de vehículos todoterreo e camper con vocación de consolidarse como un referente en todo o noroeste peninsular, onde non se desenvolve ningún outro evento destas características.

Entre as actividades programadas destaca na mañá do sábado unha ruta de vehículos 4×4 que percorrerá a bisbarra parando en diversos puntos de interese paisaxístico e turístico.

Xa pola tarde será a quenda das exhibicións e outras actividades no circuíto do Río do Pozo, así como diversas charlas entre as que destacan a de Fco. José Gómez Pallas, piloto participante no Rally Dakar así como do copiloto de rallyes todoterreo Chixco López. A xornada do sábado rematará a partir das 22:30 horas cun concerto a cargo do grupo “Malditos pendejos”.

Xa na mañá do domingo haberá dúas rutas, unha en caravana conxunta para vehículos 4×4 e outra sobre folla de ruta baseada en proba de Navegación 4×4.

Ás 11:30, e coa colaboración da Asociación Cadeliños, haberá un curso gratuíto de adestramento canino.

Como complemento a todas estas actividades haberá nas inmediacións do circuíto unha grande carpa para realizar o xantar e a cea do sábado así como o almorzo e xantar do domingo. Tamén se habilitará unha zona de acampada debidamente acondicionada e aparcamento para os vehículos todoterreo.

Dende o Club NHD ADVENTURE agradeceron a boa disposión tanto da Alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro coma do Concelleiro de Deportes, Román Romero para sacar adiante este proxecto.

Finalmente, o edil de Deportes de Narón, que animou á veciñanza a acudir a “este evento pioneiro na comarca” e agradeceu o traballo do club NHD ADVENTURE por ter pensado en Narón para realizar esta actividade lúdico-deportiva.

Lea también

Álex Rilo, representación ferrolana en la Copa del Mundo de Lievin

El ferrolano Álex Rodríguez Rilo disputará este sábado la Copa del Mundo de Lievin en …