Máis de 7.500 escolares de centros de ensino de Narón e comarca asistirán á “XXXIV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil”

A trixésimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil organizada polo Padroado da Cultura de Narón comezará a celebrarse este martes na cidade. Máis de 7.500 escolares de Narón e doutros centros da comarca presenciarán as representacións desta edición da Mostra, que se desenvolverá no Pazo da Cultura, no Auditorio municipal e nas Escolas infantís municipais e a unidade de preescolar do colexio Santiago Apóstol, tal e como indicou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que presentou a convocatoria xunto coa concelleira de Cultura, María del Carmen Espada. A Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colaboran nesta Mostra que se iniciaeste martes e na que ata finais de novembro actuarán un total de cinco compañías.

Inauguración da Mostra

A compañia Tanxarina será a encargada de inaugurar a Mostra, coas representacións que desde este martes ata o vindeiro xoves, día 25, terán lugar no Auditorio, donde se representará a obra A Galiña Azul. A primeira das citas será ás 9.30, con alumnado de 3 a 5 anos dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros e Virxe do Mar, de Narón; e do CPI A Xunqueira (Fene); Santiago Apóstol (Mugardos) e Juan de Lángara (Ferrol) e ás 11.30 acudirá alumnado da mesma idade dos colexios da Gándara e o CRA de Narón e do CPI San Sadurniño. A maiores dos 595 nenos e nenas que asistirán ás representacións deste martes, esta mesma semana asistirán á representación de A Galiña Azul un total de 1.199 escolares de entre 3 e 5 anos de colexios de Narón, Ferrol, Fene, Neda, Mugardos, Pontedeume, Ares e Valdoviño.

Outras representacións

A vindeira semana as representacións teatrais correrán a cargo da compañía Ghazafelhos, que se subirá ao escenario do Pazo para representar a obra A nena e o grilo o luns 29, o martes 30 e o mércores 31 deste mes, ante e alumnado de primeiro a cuarto curso de Primaria de centros de varios concellos da zona, un total de 2.406 escolares.

A terceira semana da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil a protagonista será a compañía Talía Teatro, que porá en escena a obra Bicos con lingua, os días 5, 6 e 7 de novembro. Acudirán a estas representacións no Pazo outros 1.186 alumnas e alumnos de terceiro e cuarto de ESO e de primeiro e segundo curso de Bacharelato.

A compañía El Callejón del Gato actuará os días 13 e 14 de novembro no Pazo, donde porá en escena a obra Crecer, para 2.130 estudantes de quinto e sexto de Primaria e de primeiro e segundo curso de ESO.

A escolas infantís

A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil chegará tamén ás tres escolas infantís municipais (A Solaina, A Gándara e Piñeiros) e á Unidade de Preescolar do colexio Santiago Apóstol, donde se representará a obra La granja, da compañía Teloncillo, os días 27, 28 e 29 e 30 de novembro.

Os escolares pagan dous euros en concepto da entrada para ver estes espectáculos da Mostra, se ben o Concello de Narón corre cos gastos de desprazamento dos nenos e nenas matriculados en centros educativos da cidade. No caso das escolas infantís e a unidade de Preescolar do Santiago Apóstol non se desprazará aos menores, senón que acudirán ás instalacións os representantes da compañía Teloncillo. En colaboración cos centros educativos da cidade tamén se levan a cabo desde o Padroado da Cultura diferentes actividades didácticas e formativas relacionadas co teatro.

Unha exposición

A maiores das representacións das obras teatrais esta edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil inclúe, tal e como subliñou Espada, unha exposición sobre a traxectoria da compañía Os Monicreques de Kukas, no Pazo da Cultura e a celebración de tres mesas redondas: Boas prácticas na exhibición do teatro infantil e xuvenil; A lingua en obras: O teatro como ferramenta de valorización da lingua galega, e Os roles de xénero no teatro infantil e xuvenil.

A concelleira de Cultura asegurou que “estas obras que serán do gusto de nenos e nenas de diferentes idades” e valorou o feito de que “a gran resposta a esta convocatoria anímanos a continuar traballando para achegar aos nenos e nenas de Narón e comarca o seu gusto polas artes escénicas”.

Así mesmo, a alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que se trata “dunha convocatoria na que tamén apostamos por dar a coñecer o traballo de compañías de teatro maioritariamente galegas, con espectáculos en lingua galega que constantan o excelente labor que se está realizando nesta área no noso país”.

A alcaldesa e a concelleira de Cultura agradeceron a colaboración de tódolos centros educativos de Narón e comarca que participan nesta trixésimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …