O pleno de Narón aproba un modificado de crédito de 2,7 millóns para acometer investimentos nas zonas urbana e rural

O goberno local de Narón deu luz verde no pleno ordinario de finais de mes, a un modificado de crédito por importe de 2.776.000 euros. Con cargo a esta cantidade acometeranse na cidade importantes investimentos nas zonas urbana e rural, tal e como figura na relación de obras aprobadas con cargo a esta contía e que sairon adiante cos votos favorables do tripartito naronés (TEGA, PSOE e BNG).

Actuacións previstas

Entre as actuacións que suporán un maior investimento e a executar en base a este modificado de crédito están a reparación de varios viais e melloras de accesibilidade, ás que se destinarán algo máis de 700.000 euros. En canto á accesibilidade realizaranse obras nas rúas da Paz e Mugardos e no pavillón das Lagoas. No referente aos viais, reforzarase o firme dos camiños de Seara, A Mata, Río Bello e outros da zona rural; repararase o asfalto nos de Sabín, Mosteiro, As Agras… e actuarase de urxencia nos viais da Grexa-Feira, Polaimo e Fraguiña, entre outros.

Ampliar zonas verdes

A materialización do proxecto para ampliar as zonas verdes de Narón acada tamén un novo impulso con cargo ao modificado, no que se contemplan uns 260.000 euros para proceder á expropiación de terreos para o parque fluvial de Narón, entre a avenida Miguel de Cervantes e a empresa Megasa. Súmanse actuacións como o acondicionamento de zonas verdes na rúa Mestre Mateo e na rotonda de Megasa –en total uns 97.000 euros- e o subministro de elementos de xogo, bancos e xardineiras para parques da zona urbana e rural –uns 100.000 euros-. En canto ás instalacións municipais, tamén forman parte dos proxectos que se porán en marcha a ampliación do local social de San Mateo -88.317- e da nave de servizos -47.743- , a ampliación do patio cuberto do colexio do Val -26.500- ou a compra de material para a nave Irmás Froilaz -54.554-.

Gastos derivados da depuración de augas residuais

Contémplase tamén no modificado a reserva dunha partida de 508.556 euros para cubrir a aportación a realizar ao Concello de Ferrol dos gastos derivados da explotación do servizo de depuración de augas residuais. O Concello de Narón aboará a cantidade do custe deste servizo –a parte que lle corresponde- cando se comunique oficialmente o custe real do mesmo, avalado por persoal funcionario do municipio veciño, ao que se lle requeriu esa documentación o pasado mes de xuño co fin de facer efectivo o pago, tal e como subliñou a alcaldesa.

Outras inversións

A adquisición de dous vehículos para a Policía Local, un para a sección de Atestados -66.000 euros- e outro para a Unidade de Obras e Medio Ambiente -20.000-; ou a aportación ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para abonar unha parte dos gastos do funcionamento da escola infantil de Xuvia -53.000 euros- recóllense tamén neste modificado de crédito. O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Xosé Gómez, desglosou parte dos investimentos a realizar con cargo a este modificado, defendendo, ao igual que fixo a alcaldesa, Marián Ferreiro, o traballo de xestión que realiza o goberno local e as obras proxectadas con cargo ao mesmo, dirixidas a mellorar infraestruturas e servizos municipais.

Xestión da biomasa

Na sesión plenaria aprobouse definitivamente a ordenanza reguladora da Xestión de biomasa e das actividades forestais no termo municipal e de xeito provisional unha nova ordenanza, reguladora da taxa pola prestación do servizo de acompañamento a transportes especiais pola Policía Local. Tamén se deu o visto bo á modificación doutras xa en vigor, entre as que destaca o feito de que se baixará o IBI rústico –cos votos favorables de todos os grupos da corporación, excepto dos cinco edís do PP-. Ao IBI rústico, en base a este cambio, aplicaráselle o vindeiro ano o coeficiente do 0,62, tal e como explicou Gómez Fandiño.

O pleno aprobou os estatutos da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o Plan Normativo de 2019 e os festivos locais do vindeiro ano, que serán o 5 de marzo, Martes de Entroido, e o 24 de xuño, San Xoán.

Mocións aprobadas

No apartado de mocións presentáronse na orde do día unha do BNG en apoio ás persoas denunciadas por reclamar a devolución do Pazo de Meiras, que saíu adiante. Fóra da orde do día aprobouse por unanimidade unha moción presentada tamén polo BNG en apoio aos traballadores e traballadoras de Alcoa, demandando unha solución ao peche anunciado pola empresa e tamén saiu adiante outra do Grupo Mixto (EU) para amosar o rexeitamento á decisión do Tribunal Supremo de deixar sen efecto a sentencia sobre o imposto das hipotecas e para impulsar a creación dunha banca pública

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …