O Concello de Narón convoca catorce Consellos Territoriais entre os meses de novembro e decembro

Fot. arch. reunión Freixeiro

O Concello de Narón retomará o vindeiro luns, día 5, os Consellos Territoriais nas parroquias e barrios da cidade. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, explicou que estas reunións, encamiñadas a fomentar a participación activa das veciñas e veciños de Narón no traballo que se desenvolve desde a administración local, rematarán no mes de decembro. “Nestas novas sesións continuaremos informando á veciñanza sobre o programa 100.000 Motivos de peso e da revisión do Regulamento de Participación Cidadá, ao tempo que retomaremos aqueles asuntos sobre os que se interesaron as veciñas e veciños nos anteriores Consellos Territoriais, ofrecéndolles as explicacións oportunas”, avanzou García.

Programamos un novo calendario de xuntanzas para que, unha vez máis, sexan as propias veciñas e vecinos de cada parroquia os que nos trasladen de primeira man a visión que teñen das mesmas e analizala conxuntamente, tomando tamén nota os representantes do goberno local nestes novos Consellos Territoriais de calquera proposición que nos plantexen”, explicou a edil responsable da área.

O día 5 de novembro terá lugar o Consello Territorial de Freixeiro, se ben as reunións continuarán o 6 no Val e o 7 na Gándara, nos respectivos locais sociais e nos tres casos a partir das 19.30 horas. Esa mesma semana o calendario previsto pecharase o xoves día 8 no Alto do Castiñeiro, cunha xuntanza que dará comezo ás 20.00 horas.

A parroquia de Castro, o día 12, a de San Mateo, o 13 e a do Couto, o 14, acollerán as reunión programadas na seguinte semana, tamén a partir das 19.30 horas, e continuarase –a esa mesma hora e no mes de novembro- nas parroquias de San Xiao, o día 19; Santa Icía, o 20; Piñeiros, o 21; Sedes, o 22, e Pedroso o día 27.

No mes de decembro celebraranse os dous últimos Consellos Territoriais deste ano, concretamente o día 3 na parroquia de Doso, ás 20.30 horas, e o día 10 en Xuvia, ás 19.30.

A concelleira de Participación Cidadá asegurou que “nos Consellos Territoriais que celebramos con anterioridade os resultados foron moi positivos, permitindo unha relación máis directa entre a veciñanza da cidade e os representantes da corporación local”. Por esta razón, García animou ás naronesas e naroneses a acudir ás xuntanzas que se convocaron nos seus barrios e parroquias “co fin de continuar avanzando e construíndo entre todas e todos unha cidade cun futuro cada día mellor”.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …