A alcaldesa e a edil de Turismo entregaron hoxe os tres premios do “IX Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

Entrega dos premios do concurso de fotografía | Concello de Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, entregaron esta mañá no Concello os tres premios da novena edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón. O ferrolán Adrián Fontela Loureda foi o gañador do certame, coa súa imaxe “Concentricación”, premiada con 750 euros, mentres que o segundo, dotado con 300 recaeu no naronés Rafael Saura Rodríguez, con “A Pena Molexa e as estrelas”, e o terceiro, de 150 euros, no tamén ferrolán Marcos López Alonso, por “Terra de Cultura”. Ferreiro e Hermida felicitaron aos premiados nesta edición do concurso e agradeceron a súa participación, así a como a dos vinte e un autores das restantes fotografías presentadas, un total de 149.

Este concurso representa unha moi boa oportunidade para dar a coñecer, a través da fotografía, varios espazos, edificios e tamén actividades que se desenvolven na nosa cidade ao longo do ano, poñendo en valor a nosa historia e tamén a nosa cultura, as festas, o patrimonio e o deporte”, subliñou a alcaldesa.

No transcurso do acto de entrega duns cheques simbólicos os tres autores das fotografías mellor valoradas polo xurado –do que formaron parte catro fotógrafos profesionais- recibiron ademáis os primeiros exemplares dos calendarios de sobremesa editados polo Concello de Narón para o ano 2019. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, indicou que se poderán recoller no Punto de Información do Concello –na entrada principal- a partir do xoves 22 de novembro. Este calendario está ilustrado coas tres fotografías gañadoras desta edición do certame e as outras nove que recibiron a puntuación máis alta, tal e como recordou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida. A edil naronesa destacou o potencial turístico da cidade e avanzou que desde o goberno local se continuará apostando por “promover distintos traballos e iniciativas para contribuír á súa difusión”.

Os participantes neste certame presentaron as fotografías entre o 17 de setembro e o 28 do mesmo mes e un dos requisitos esixidos é que a través das mesmas se reflectise a riqueza de Narón en diferentes áreas.

Lea también

San Sadurniño acolle unha sesión sobre a prevención do bullying

A Escola de Familias promovida polo departamento de Servizos Sociais do Concello de San Sadurniño …