Entregadas as dúas primeiras cestas sorteadas na campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño, e Eva Pena, tesoureira da Asociación de Comerciantes de Narón, entregaron na mañá deste mércores  no Concello as dúas primeiras cestas sorteadas no marco da campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”, iniciada o pasado 10 de decembro e á que están adheridos un total de 124 establecementos comerciais da cidade.

O Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón coorganizan un ano máis esta iniciativa, á que aínda poden sumarse os comercios do municipio que o desexen a través da páxina web: www.comerciodenaron.es, tal e como recordou o edil de Promoción Económica.

No sorteo realizado o pasado luns, día 17, nos comercios Woonka e Marisa Rivas Fotografía resultaron agraciados coas dúas primeiras cestas con produtos do Nadal Roberto David Guerrero Espinosa, de Ferrol e cunha papeleta depositada no establecemento Woonka, e Amanda González Sánchez, veciña de Oza-Cesuras e que depositou a papeleta en Marisa Rivas Fotografía, sendo a propia Marisa quen recolleu a cesta en nome da premiada.

As persoas que realicen compras ata o 8 de xaneiro nos comercios adheridos a esta iniciativa –que están debidamente identificados- reciben un tícket no que deben indicar os seus datos persoais e depositalo nas urnas que se instalaron nos comercios para poder participar nos diferentes sorteos. Hoxe entregáronse as dúas primeiras cestas con produtos de Nadal e a vindeira semana entregaranse as outras dúas, se ben o día 11 de xaneiro está prevista a entrega de catro vales de compra –que se sortearán seguindo o mesmo procedemento que as cestas-, dous por un importe de 500 euros e outros dous de 300. Os agraciados deberán gastar integramente o importe deses vales nos establecementos que participan na campaña, tal e como se recolle nas bases desta convocatoria.

Coincidindo con estas datas, a través desta mesma campaña tamén se porá en marcha o Navitren, que do 26 ao 29 de decembro realizará dous percorridos, ambos con saída das inmediacións do Concello. Polas mañás estará operativo entre as 11.00 e as 13.00 horas e polas tardes de 16.00 a 20.00 e en canto ás rutas, a máis longa será desde as inmediacións da Praza de Galicia ata a igrexa de Santa Rita, en Xuvia, dando a volta na Ponte das Cabras, e a máis curta desde a Praza de Galicia ata Freixeiro e tamén dando a volta na Ponte das Cabras. Nos comercios adheridos á campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre” entregaranse de balde coas compras tickets para poder viaxar no Navitren pero tamén se venderán no propio vehículo antes de cada saída, a un prezo dun euro por persoa e viaxe. Desde a organización incidiron no feito de que no caso de que se complete a capacidade de viaxeiros terán prioridade os que teñan convites dos establecementos.

A alcaldesa e o edil de Promoción Económica felicitaron ás personas que gañaron estas primeiras cestas da campaña e animáronas a continuar realizando as súas compras no comercio local. “A calidade dos produtos que se venden nos establecementos desta cidade queda acreditada co feito de que en numerosas ocasións a clientela desprázase a Narón a realizar as súas compras, non só procedente de concellos da comarca senón tamén doutros municipios de Galicia”, subliñou Ferreiro.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …