«Ferroláns», unha nova publicación de Guillermo Llorca

Juan J. Burgoa

A historia e vida dos homes e mulleres espertaron de sempre un interese xeneralizado. A biografía é un xénero literario moi atractivo que foi cultivado de xeito diferente polos escritores desde o mundo clásico ata nosos días, sendo un importante instrumento para o coñecemento da historia do xénero humano.
Nesta ocasión falamos de xeito específico dunha antoloxía ou galería de retratos biográficos dunha serie de persoas nacidas en Ferrol, presentados nunha nova publicación polo escritor e historiador ferrolán Guillermo Llorca Freire. Trátase dun conxunto de resumidas, mais rigorosas, biografías de mulleres e homes que salientaron nalgún campo da historia de nosa cidade.

É coñecido que Ferrol foi o lugar de nacemento de sobranceiros e reputados personaxes que tiveron unha gran transcendencia na Historia de España e de Galicia, casos de Concepción Arenal, Fontenla Leal, José Canalejas, Pablo Iglesias, Álvarez de Sotomayor, os irmáns Franco Bahamonde, Carballo Calero ou Torrente Ballester.

Pero ademais Ferrol tamén é o lugar de nacemento de moitos outros homes e mulleres que tiveron una presenza destacada na nosa cidade ou fora dela, en variados campos da cultura e diversas ocupacións profesionais, abranguendo a construción naval, a milicia, o urbanismo, o ensino, o xornalismo, a pintura, a

música, a literatura, a empresa, a política, o mundo obreiro ou a emigración.

Nunha obra anterior do ano 1996, co mesmo título de “Ferroláns”, Guillermo Llorca publicou na editorial Embora as biografías de cen coñecidos personaxes nacidos en Ferrol, ampliando dese xeito as oitenta e sete biografías previamente publicadas no xornal “Diario 16 de Galicia”, por expresa invitación de Carlos Miragaya, hoxe director de Diario de Ferrol.

Guillermo Llorca

Un investigador tan coñecedor da historia local como prolífico e xeneroso na divulgación da mesma, non podía dar por rematado este traballo, polo que as súas continuas investigacións tiñan que saír á luz, o así o fan nesta nova obra publicada na editorial local Embora. Desta rolda Guillermo Llorca inclúe en “Ferroláns” novos persoeiros ferroláns, amosando a vida e obra de ata trescentos dezaoito homes e mulleres nacidos na nosa cidade. A obra está precedida dunha presentación e un prólogo dos historiadores Ana Martín e Juan Granados.

Unha salientable e interesante característica da publicación é a presenza de numerosas citas e referencias bibliográficas acompañando a cada un dos personaxes incluídos na publicación. Este feito non só engade o interese de poder ampliar o coñecemento dos biografiados se non que constitúe un recoñecemento, non sempre habitual, cara aos medios e as persoas que trataron o tema con anterioridade. Neste senso son abundosas as citas de traballos aparecidos con anterioridade no xornal Diario de Ferrol e no periódico dixital Galicia Ártabra.

Lea también

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son …