O confuso padroado de San Xulián de Ferrol

A haxiografía cristiá recoñece ata trinta e tres distintas advocacións de San Xulián, nome procedente do latín Iulianus En Galicia aparecen as variantes de Xulián, Xián, Xiao, Xullán e Xuiao, xunto cos femininos Xiana e Xuliá. Na época medieval usáronse Giao e Guillao.

Entre os santos canonizados pola Igrexa co nome de Xulián, os máis coñecidos en Galicia son: San Xulián de Brioude, militar romano e mártir xunto con San Ferreol; San Xulián o Hospitalario, mártir exipcio, cazador e protector de viaxeiros; San Xulián de Antioquia, abade de mosteiro; e San Xulián de Toledo, bispo e mártir da igrexa visigótica.

Non existe un acordo unánime sobre cal dos santos que levaron o nome de Xulián foi de orixe o primitivo patrón de Ferrol. Aínda que San Xulián o Hospitalario é o patrón da maioría das igrexas rurais galegas dedicadas a esta advocación, na orixe da primeira igrexa parroquial de Ferrol (da que hai novas desde o ano 1087) semella que pode estar San Xulián de Brioude ou de Vienne, compañeiro no martirio de San Ferreol, que na época medieval deu nome a numerosas igrexas e mosteiros da cornixa cantábrica e a propia Galicia.

A nova igrexa de San Xulián de Ferrol, que substituíu o templo medieval situado a carón do peirao da Cruz en Ferrol Vello, derrubado por mor do pouco coidado que tivo a Armada nas obras do foxo do Arsenal, abriuse ao culto a véspera do Corpus Christi do ano1772. No retablo do altar maior colocouse unha efixie de San Xulián, vestido de cabaleiro con casaca, calzón curto e sombreiro de picos.

Durante a visita pastoral que realizou o ano 1786, Francisco Cuadrillero, bispo de Mondoñedo, “mandou vestir á romana” a San Xulián, ao considerar que estaba vestido de forma pouco axeitada. A causa desta imposición, que reforzou pola “importación” dunhas reliquias do mosteiro de San Xulián de Samos, oficializouse a San Xulián de Antioquia como patrón da igrexa ferrolá, colocado no altar maior do templo ferrolán xunto a Santa Basilisa (a súa santa esposa, nunca mellor dito), vestidos ámbolos dous de traxe talar, coa cruz e a palma do martirio.

Desta maneira o bispo actuou na contra do sentimento do pobo, seguramente máis acertado que o propio eclesial, un sentir que consideraba como auténtico patrón ferrolán a San Xulián de Vienne, precisamente, compañeiro de San Ferreol.

(S.Julián de Brioude)

Ese mesmo año 1786 era Alcalde Maior de Ferrol Eugenio Álvarez Caballero, o mellor alcalde que tivo esta cidade, por suposto non nacido nela. O devandito rexedor da urbe, estableceu por bando municipal que “se celebrase anualmente la Función con Voto del Glorioso Señor San Julián, como Patrono de esta Villa el día 7 de enero”.

Desta forma comezou a celebrarse esta festividade polo Concello, incluíndo a iluminación da fachada de San Xulián e os fogos de artificio. Durante o século XIX estableceuse a costume, apócrifa y sen motivación coñecida, de tomalo arroz con leite o día 7 de xaneiro, una iniciativa atribuída ao cóengo ilustrado ferrolán Fernández Varela, recoñecido amante da boa mesa.

A celebración do padroado de San Xulián foi decaendo no tempo como festa de raizame popular en Ferrol, substituída polos festexos laicos organizados desde o ano 1896 na semana arredor do 31 de agosto, día de San Ramón, patronímico del Marqués de Amboage, ilustre personaxe nacido na urbe e lembrado polos ferroláns como creador dunha Fundación Benéfica.

A celebración do patrón de Ferrol pola parte do Concello da cidade pasou por diferentes variantes. Ultimamente o Concello leva a cabo unha amorfa celebración laica da festividade de San Xulián o 7 de xaneiro, na que a Alcaldía realiza o reparto de premios aos seus amigos e seareiros.

 

 

 

Lea también

La Filarmónica Ferrolana ofrece un concierto en el teatro Jofre

  Este jueves 25 de abril a las 20:30h, el teatro Jofre acoge el concierto …