O Concello de Narón amplía o espazo verde do parque fluvial de Freixeiro

A ampliación do parque fluvial de Freixeiro, en Narón,  continúa avanzando a medida que o Consistorio adquire novas propiedades na zona. A maiores do expediente aprobado no pleno de decembro para proceder á expropiación duns 50.000 metros cadrados de terreo para enlazar esta área verde co paseo de Xuvia, o goberno local materializou outra iniciativa encamiñada a ampliar este parque da cidade. Unha das vivendas localizadas ao final da rúa Zorrilla, adquirida polo Concello o pasado ano, derribouse a semana pasada, co que o tramo do paseo gañará tanto o espazo que ocupaba o inmoble como a parcela que a rodeaba.

A vivenda atopábase nas inmediacións do río Freixeiro, nunha zona próxima a unha das pasarelas de madeira que discurren entre a zona de Freixeiro e o Cadaval. A demolición da casa e dos alpendres anexos, así como a limpeza da zona verde, permitirán agora ao goberno local, en base a unha próxima actuación, adecentar ese espazo para o desfrute das veciñas e veciños. O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, explicou que o adecentamento da zona correrá a cargo da empresa que realiza o mantemento do parque fluvial de Freixeiro e avanzou que se procederá a sementar herba na tempada para deixalo como zona verde.
A superficie que gañará o parque nese tramo será duns trescentos metros cadrados, tal e como apuntou o edil naronés.

A compra e demolición da vivenda é un paso máis da ampliación deste pulmón verde da cidade, que nos vindeiros meses se completará coa ampliación entre a avenida Miguel de Cervantes e Megasa, cunha senda peonil e ciclista na que se habilitarán varias áreas estanciais para o descanso de ciclistas e viandantes. O proxecto de expropiación dos terreos precisos para acometer esta iniciativa aprobouse xa no pleno e suporá un investimento de 259.019 euros, unha contía coa que se adquirirán 62 das 67 parcelas localizadas nese tramo, sendo das cinco restantes catro propiedade da Demarcación de Costas e unha do Consistorio.

Comunicar a través dunha senda o paseo fluvial de Freixeiro co de Xuvia, pola zona do muíño das Aceñas, é a finalidade desta importante actuación, sobre a que estamos xa traballando para que sexa canto antes unha realidade”, asegurou Santalla. “As veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos poderán desfrutar dun área de lecer, cun importante valor natural e patrimonial, duns 70.000 metros cadrados no centro da cidade. Isto é posible porque cada ano se destinan importantes partidas ao coidado e mantemento deste tipo de espazos para que estean nas mellores condicións”, subliñou o edil de Servizos.

Lea también

Axenda en Narón o 20 e 21 de abril

Sábado 20 de abril de 2024 Actividade: Obradoiro “Encadernación ecolóxica” Hora: 11:00 Lugar: Centro cívico …