A alcaldesa de Narón valora o repunte do sector da construción con novas promocións de vivendas en marcha

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, reuníronse no Consistorio co director xeral da empresa Gestión Insular del Suelo, Javier Baena, que se desprazou ao Concello para trasladarlles aos representantes do goberno local a excelente acollida que está rexistrando a promoción inmobiliaria que proxecta esta compañía na zona da Gándara. Baena explicoulles que en tan so dez días recibiron peticións suficientes de xente interesada en adquirir algunha das vinte e unha vivendas que a empresa construirá proximamente na cidade.

Para eses vinte e un inmobles que a promotora venderá en Narón xa se rexistraron case medio cento de peticións, cifra que valoran moi positivamente desde a empresa. Un dos requisitos para poder adquirilas é estar empadroado na cidade e non ter outra vivenda en propiedade no municipio, así como non vendela nos vindeiros dez anos, tal e como apuntou o director xeral da firma. Baena confía en que os traballos poidan iniciarse aproximadamente no prazo dun mes, e estar rematados en dez meses. “Estamos moi satisfeitos coa resposta obtida nesta cidade”, subliñou, asegurando que “continuamos aceptando solicitudes nas oficinas instaladas na Gándara porque a nosa intención é atender a actual demanda”. Tanto é así que tal e como lles avanzou o propio Baena á alcaldesa e ao edil de Urbanismo, esta mesma semana visitou xa outros terreos edificables situados nas zonas de Freixeiro e o Alto, co fin de analizar a viabilidade de adquirilos para construír novas edificacións.

A zona da Gándara foi tamén a elixida por outra promotora, Casas Narón Valdoviño, que constrúe unha vintena de pisos nas inmediacións do Centro Comercial Odeón. Neste caso os traballos do que será o Residencial Gándara, están xa iniciados.

A maiores destas dúas edificacións, tal e como apuntou Ferreiro, “súmanse as que outros promotores e particulares proxectan na cidade e para cuxa posible execución realizaron as pertinentes consultas no departamento municipal de Urbanismo”. “O repunte do sector da construción na cidade é hoxe en día unha realidade e así o confirma a aposta de promotores de vivendas tanto da comarca como foráneos e tamén de particulares que se decantan por Narón e que están solicitando, ou noutros casos interesándose polas pertinentes licencias no Consistorio”, indicou a alcaldesa.

Ferreiro asegurou que “a pesar do estancamento que sufriu o sector nos últimos anos a nivel xeral, afortunadamente en Narón está experimentando un repunte tanto no referente á obra nova como nos casos de rehabilitación”. A rexedora local incidiu no feito de que “a cantidade e calidade de servizos que se ofrecen á cidadanía, nas áreas deportiva, cultural e de lecer, entre outras, fan desta cidade unha das opcións elixidas por moitas familias para adquirir unha vivenda”. Finalmente, Ferreiro subliñou que “desde o goberno local continuaremos traballando día a día para manter eses servizos dirixidos ás nosas veciñas e veciños e, na medida do posible, incrementalos”.

Lea también

Presentado no Concello de Narón»Noites á fresca» (7 e 8 de agosto)

Presentado no Concello de Narón»Noites á fresca», unha nova proposta de lecer que ten por …