Escolares do CEIP Ponte de Xuvia visitaron o Concello e reuníronse coa alcaldesa no salón de plenos

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, recibiu na mañá deste martes no salón de plenos a unha vintena de nenas e nenos de educación Infantil do colexio Ponte de Xuvia. Os menores viron trala súa chegada o vídeo Nara de Narón -http://naradenaron.es/- e despois sentáronse nos espazos que ocupan nas sesións plenarias os concelleiros e concelleiras da corporación para recibir a Ferreiro. Unha vez que se reuniron coa rexedora local interesáronse polo seu traballo á fronte do goberno local e tamén por algúns espazos públicos da cidade. Antes de despedirse a alcaldesa entregoulles como agasallo un exemplar do libro “Os bolechas visitan Narón”.

Os escolares visitaron a continuación as dependencias que a Policía Local ten no Consistorio, o Arquivo municipal e o Rexistro antes de regresar de novo ás súas aulas.

A visita programada este martes foi a primeira deste curso ao Concello no marco do programa municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola, impulsado a través da Concellería de Ensino en colaboración co Servizo Sociocomunitario Municipal. Polo momento están pechadas outras visitas ao Consistorio, ata o mes de maio, se ben a seguinte terá lugar o día 12 de febreiro, e na mesma participarán alumnas e alumnos de educación Infantil do CPI do Feal.

A maiores das visitas programadas ao Concello, este programa inclúe tamén saídas do alumnado de Infantil e Primaria dos centros de ensino da cidade ás instalacións do Speis (no polígono de Río do Pozo), á Biblioteca municipal do Alto do Castiñeiro e ao Pazo da Cultura, neste último caso tamén cunha parada nas instalacións do Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros, donde participan cos usuarios e usuarias destas instalacións en actividades de marcado carácter interxeracional.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …