A alcaldesa de Narón e as edís de Acción Social e Promoción Social reuníronse con representantes da Asociación Áurega

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, recibiu na mañá deste luns no seu despacho a representantes da Asociación Áurega (Asertividad, Unión, Resiliencia, Empatía, Gracias, Armonía). Á cita acudiron tamén en representación do goberno local as edís de Acción Social, Catalina García, e de Promoción Social, Teresa Sabio, e pola parte da entidade o seu presidente, Marcos Antonio Castro, e María Elena Silvar, María Begoña Ramos e Marián Fraga, vicepresidenta, secretaria e tesoureira, respectivamente, de Áurega.

O presidente da asociación explicou que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro que a día de hoxe conta cunha vintena de socios e traballa con vinte e oito nenos e nenas de entre 5 e 14 anos con altas capacidades, talentos e/ou inquedanzas intelectuais. Do total, tal e como asegurou Marcos Antonio Castro, dezaséis residen no concello de Narón.

Áurega creouse no ano 2018, a partir do esforzo dun grupo de familias que se marcaron como obxectivo “dar visibilidade ás altas capacidades e tamén á falta de atención e recursos para este colectivo na comarca”. Hoxe en día, tal e como indicou o presidente da entidade “traballamos como un punto de encontro donde as familias poidan solventar calquera dúbida, dándonos apoio entre todos e todas e a modo dunha asociación”. A finalidade, indican, “é dar visibilidade e normalizar a situación destes nenos e nenas” e axudar e asesorar tamén aos seus amigos, á comunidade educativa e, en xeral, sensibilizando á sociedade, para que os entendan e integren con normalidade.

Entre as funcións impulsadas desde o colectivo apóstase por ofrecer as ferramentas necesarias para atender aos nenos e nenas con altas capacidades, talentos e/ou inquedanzas intelectuais. Para acadar este obxectivo impulsaranse escolas de familias e obradoiros específicos –de enriquecemento e emocionais- para motivar aos rapaces e rapazas, contando co apoio de especialistas nesta área e da comunidade educativa, tal e como explicaron.

Os representantes de Áurega valoraron moi positivamente a xuntanza mantida no Concello, donde escoitaron as súas propostas, feito que agradeceron ás representantes do goberno local. A alcaldesa, Marián Ferreiro, felicitou aos integrantes da entidade polo traballo que están levando a cabo na cidade desde o ano pasado. Así mesmo, Ferreiro amosou a total dispoñibilidade do goberno local para colaborar con Áurega, “unha asociación que cumpre unha moi importante labor social, atendendo e dándolle visibilidade a un colectivo cunha diversidade moi específica desde diferentes ámbitos”. A alcaldesa comprometeuse a analizar a viabilidade de ofrecerlle a esta asociación un local desde donde poder traballar e tamén a colaborar na organización de actividades encamiñadas a cumprir os obxectivos desta asociación.

As persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo o traballo que realiza esta asociación poden poñerse en contacto cos seus representantes a través do correo electrónico: auregaasociacion@gmail.com.

Lea también

O Plan Único da Deputación inviste 211.400€ para converter a r/da Garda de Narón nun bulevar

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou unha visita institucional ao Concello …