Aberto o prazo de inscrición no Duatlón Cidade de Narón que se celebrará o 3 de marzo

Román Romero, Marián Ferreiro e Amando Guerrero en rolda de prensa | Concello de Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, deron a coñecer esta mañá o programa do Duatlón Cidade de Narón, clasificatorio para o campionato de España, tal e como apuntou a alcaldesa. A cita, explicou Ferreiro, terá lugar o vindeiro 3 de marzo con saída e meta na rúa Camiño da Praia –que comunica o Centro Comercial Odeón co pavillón polideportivo da Gándara-, e conta coa colaboración das Federacións Española e Galega de Triatlón.

O presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, explicou que o evento constará de tres probas, unha de élite, clasificatoria para o campionato de España, á que acudirá xente de varios concellos do país; outra a nivel galego e unha terceira para promocionar o duatlón para menores de 10 e 11 anos. A proba de élite masculina sairá ás 12.00 horas, a feminina ás 12.05 e a de prebenxamíns ás 11.45. A carreira a pé será na zona da Gándara, polas inmediacións do Centro Comercial Odeón, e o percorrido en bici pola zona da Trincheira, “nun circuíto espectacular donde se poderán alcanzar grandes velocidades debido ao trazado”, según avanzou Guerrero. O percorrido dos prebenxamíns sairá tamén das inmediacións do Centro Comercial Odeón.

A alcaldesa avanzou que o prazo de inscrición rematará o vindeiro martes, 26 de febreiro, e animou ás veciñas e veciños da cidade e doutros concellos a apuntarse, a través da Federación Galega de Triatlón –www.fegatri.com- ou da Agrupación Deportiva Náutico de Narón –www.nauticonaron.com- e desfrutar do evento competindo ou como público, animando aos deportistas.

Ferreiro agradeceu o esforzo do clube naronés na organización deste evento e tamén o traballo que realiza na cidade. Pola súa parte, Guerrero, destacou a colaboración e confianza prestadas desde o Concello e as Federacións Española e Galega de Triatlón, para a organización deste evento.

Lea también

El Náutico de Narón busca el título de las Ligas Nacionales de Duatlón

Este fin de semana, la ciudad de Soria se prepara para acoger la última jornada …