De exposicións e imposicións municipais

Falemos de exposicións municipais. O Centro Cultural Municipal da rúa do Hospital de Ferrol é unha ampla construción dotada de variados espazos expositivos que, a pesares das moitas peticións cidadás neste aspecto, nunca albergou, nin tan sequera de xeito parcial, as necesarias instalación do Museo da Cidade. 

Desde que comezou a súa andadura o ano 1993, tras unha reforma pouco afortunada, o seu funcionamento como Centro Cultural foi errático e variable segundo o traballo e o interese do correspondente Conselleiro de Cultura. Desde o bo traballo de Bonifacio Borreiros (e os seus asesores) ata a o pobre labor de Reyes García-Hurtado (e os seus asesores), pasou por diferentes alternativas.

A actual Corporación municipal, mal asesorada, fixo en xeral un uso pouco afortunado do Centro. Cumpre salientar, ao final do seu percorrido, as tres exposicións que estes días se ofrecen de xeito case simultáneo no Centro Cultural, malamente bautizado Torrente Ballester. Trátase das exposicións de Siro López e Miguel Ángel Fernández e da II exposición do Patrimonio Artístico da S.A.F.

A exposición do artista ferrolán Siro López, titulada “Camiño á Constitución”, consiste nun conxunto de 117 debuxos que constitúen un relato ilustrado que leva desde as primeiras leis franquistas sobre a sucesión do Réxime ata a primeira lexislatura democrática e o triunfo de Felipe González o ano 1982, pasando polo nomeamento de Adolfo Suárez e o intento de golpe do 23 de febreiro. A obra, cun espléndido catálogo que non é doado de obter, está dentro do estilo característico de Siro, mestura de realismo e creatividade, co seu toque de humorismo.

A exposición de Miguel Ángel Fernández, titulada “Interpretacións de madurez”, amosa a obra dun mariño de profesión e pintor de vocación, cunha longa traxectoria na pintura de facetas e rexistros variados. Nos case 100 cadros da mostra, cun bo catálogo a dispor dos visitantes, ofrécense una serie de obras que van desde unha pintura academicista, reflectida nas súas mariñas, ata un paisaxismo impresionista, pasando pola súa visión xeométrica da realidade.

A terceira das exposicións é unha nova mostra do Patrimonio Artístico da Sociedad Artística Ferrolana (S.A.F), onde se pode contemplar a obra de diversos artistas, desde Leyra Domínguez ata Carlos Barcón ou desde Cachita Núñez ata Manuel Patinha, un total de 45 autores dos máis variados rexistros artísticos. Semella chegado o momento de que esta veterana entidade cultural ferrolá, camiño dos seus cincuenta anos de vida, edite un completo catálogo dos moitos e interesantes fondos dos que dispón.

Estado actual do busto de S. de Aguilera

Saíndo do Centro Cultural, pódese ver na praza exterior o desleixado e vergoñento estado do pedestal e o busto de Dionisio Sánchez de Aguilera, unha coñecida obra do pintor e escultor vigués afincado en Ferrol, Ramón Buch. Si no seu intre non se lle puxo ao Centro Cultural o axeitado nome Sánchez de Aguilera, fundador do Hospital de Caridade que deu orixe ao Centro, quizais sexa a hora de protexer a escultura na súa memoria, levándoa aos xardíns do actual Hospital Xeral de Caranza.

Imposicións municipais

Falemos de imposicións municipais. O actual goberno municipal ameaza outra vez aos cidadáns con novas rúas peonís. Nunha cidade como a nosa, cunha poboación decrecendo de xeito continuo e cos seus habitantes de cada vez maior idade, o Foro de Amigos de Ferrol xa expresou moitas veces a idea de que Ferrol non precisa “máis rúas peonís”, senón que realmente necesita “máis peóns nas súas ruas”.

Este exceso de rúas peonís no barrio da Magdalena, unido á falta de aparcamentos, ademais de impedir a circulación dos automóbiles privados a a chegada de visitantes, compradores e traballadores ao centro de la urbe, constitúe unha nova agresión aos peóns, que se engade aos excesos de ocupación de espazo por parte de moitas terrazas de cafeterías, e a constante invasión destas rúas, amolando sen ningún escrúpulo ao cidadán, polos cada vez más abondosos vehículos de reparto de paquetería express.

Lea también

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son …