Qué acontece con Benito Vicetto?

Ferrolterra Antiga
Moitos son os episodios e as personaxes desta comarca que, ó non estaren vinculados a un determinado punto de vista sobre o pasado, quedan esquecidos de xeito voluntario. Voluntario, porque o feito de lembrar esixe do coñecemento do que se lembra, si; mais tamén é preciso que os motivos que tornan cara ese obxecto estean fundamentados nunha auténtica vontade por descubrir aquilo, non só de cara a un mesmo, senón á súa comunidade. Esta é a forma de xerar novos ímpetos que movan unha sociedade de cara a romper con certos monotemas; coa fin última de sermos capaces de abranguer novas temáticas que tamén teñen oco nos relatos locais.

Seguindo, así pois, con esta reflexión inicial, basearemos este artigo nas tebras intencionadas que envolven ó escritor e historiador ferrolán Benito Vicetto Pérez (21/05/1824- 28/05/1878), do que se cumpriron o pasado maio cento corenta anos dende o seu pasamento. Galego comprometido coa súa terra, romántico nas súas formas, creador de varios proxectos periodísticos, grande cultivador do xénero novelístico… A súa obra máis sobranceira é sen dúbida Historia de Galicia (1865-1873), que ten marcado a moitas xeracións dende a súa publicación. Toda a súa traxectoria vincúlase coa necesidade de recoller a bandeira caída do provincialismo abatido en Carral para mantelo con vida dende o papel que se tiña adscrito de sumo protector e motivador da idea da Galiza. Unha idea que choca coa que lle adxudicaría Murguía de `precursor´; el non se vía coma un antecedente de ninguén (e menos de Murguía), el era o innovador.

Vistos estes trazos, reflexionar acerca das tebras. En primeiro lugar, conectando coa idea de Los Precursores (1886), o nacionalismo galego tenlle deixado nun lugar secundario dadas as figuras que o sucederon: o seu truncado amigo Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Valentín Lamas Carvajal… Un conxunto tan destacado que o agochan baixo os seus aportes ó país. A maiores, certo é, que na obra en prosa de Vicetto, mais coma na de Murguía e outros, non atopamos o galego coma lingua de escrita, o que os ten relegado nos programas de educación da lingua. Mais, en segundo lugar, e índonos cara o entorno da súa cidade natal, o esquecemento vén dado por unha sociedade que ten en mente outros temas á hora de falar das grandes figuras nadas en Ferrol; amosando pouco interese para un home que nos coloca nunha posición destacada na historia da Galiza e da súa construción coma nación. Se cadra isto non lles interesa.

Neste senso, e coma dixemos, vimos de ver coma no cento corenta aniversario do seu pasamento non se lle deu a atención que merecía, pese ó feito de ter sido un ferrolán, un galego, que brillou coma punto de referencia de aqueles que lle sucederon. Coidamos que será posible que, cara maio do 2024, Benito Vicetto sexa lembrado coma se merece e que a súa figura marque a identidade de todo ferrolán e ferrolá nos tempos vindeiros.

Lea también

No es el momento de buscar culpables, sobre todo si no se acierta

José Manuel Otero Lastres Pasados los primeros momentos de sorpresa, incredulidad y desánimo, así como …