O BNG levará ao pleno o soterramento das liñas de alta tensión en Caranza

Instante da rolda de prensa de decembro con veciños de Caranza | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha iniciativa que será debatida no pleno municipal que se celebra na tarde de mañá na que insta ao goberno local a esixir ao responsable das liñas de alta tensión no barrio de Caranza a acometer o seu soterramento e demanda da Xunta de Galiza e doutras administracións o fianciamento necesario para acometer estes traballos.

Así mesmo o BNG considera necesario que o Concello de Ferrol à modificación das Ordenanzas Fiscais co obxectivo de incluir unha taxa pola ocupación do dominio público das instalacións de transporte de enerxía eléctrica.

Esta iniciativa é o resultado dun encontro veciñal que a formación nacionalista mantivo con veciños e veciñas de Caranza celebrado o pasado mes de decembro e simultaneamente à presentación desta moción estanse a recoller sinaturas demandando a eliminación deste tendido aereo no borde litoral deste barrio.

O BNG lembra na súa iniciativa que o proxecto de rehabilitación do borde marítimo na ría de Ferrol no seu tramo de Caranza (o que hoxe coñecemos como paseo marítimo) foi impulsado e acometido pola Autoridade Portuaria, o Concello de Ferrol e a Demarcación de Costas a través dunha axuda da Unión Europea mediante os fondos de cohesión dentro das actuacións medioambientais e incluia entre os seus obxectivos a canalización soterrada das liñas de alta tensión.

Este proxecto proxectaba canalizar soterradamente as liñas electricas de alta tensión suprimindo os antiestéticos e perigosos tendidos eléctricos. De feito non só esta idea figuraba como unha proposta na memoria técnica deste proxecto senón que na súa execución se desenvolveron e construiron as canalizacións para que estas liñas eléctricas que, ademais de perigosas, provocaban un forte impacto visual no litoral de Caranza discurriran soterradamente.

Mais o soteramento destes tendidos eléctricos nunca chegou a materializarse pesie a que as canalizacións precisas para poder soterrar estas liñas levan décadas executadas, é dicir, xa existe a infraestructura necesaria para poder proceder ao seu soterramento.

Para o BNG resulta inexplicábel que a día de hoxe e aínda pervivan liñas de alta tensión co seu tendido aereo que se estenden ao longo de todo o paseo marítimo do barrio, ao pé de vivendas, sobrevoando zonas de esparcimento e lecer como o parque infantil do parque Carmelo Teixeiro, a propia praia de Caranza, ou unha parte do tramo local do camiño inglés.

O BNG considera que o Concello de Ferrol debe impulsar e desenvolver as medidas necesarias diante de administracións e entidades responsábeis para que se acometa o soterramento das liñas de alta tensión.

Lea también

Psoe Ferrol «hai fórmulas para a estabilidade económica de Emafesa sen subirlle o recibo aos veciños»

O grupo municipal socialista cree que «hai outras formulas para conseguir a estabilidade económica de …