A corporación local homenaxeou a Izaskun Hernáez López como Muller do Ano 2019

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu na mañá deste luns a homenaxe á Muller do Ano 2019 de Narón, que se acordou conceder por unanimidade da corporación local no pleno do pasado 28 de febreiro a Izaskun Hernáez López, licenciada en INEF e presidenta e fundadora do Club Acordes Narón. Ao acto, enmarcado no programa do Día Internacional da Muler e que deu comezo ás 12.00 horas no Concello, asistiron tamén portavoces dos grupos políticos da corporación local, o pai e a nai da homenaxeada e outros familiares e amigos.

Na súa intervención a alcaldesa da cidade destacou o traballo de Hernáez, presidenta e adestradora do Club Acordes Narón, atleta do Náutico de Narón e asidua participante en eventos deportivos que se convocan ao longo do ano na localidade e noutros concellos da comarca. Ferreiro leu a acta na que se acordou nomear a Hernáez Muller do Ano 2019 de Narón e felicitouna pola súa dilatada e exitosa traxectoria profesional.

Unha emocionada Izaskun tivo palabras de agradecemento para “dúas mulleres en especial que marcaron o meu espírito loitador e traballador, a miña avoa e a miña nai; ao meu pai polos seus discursos ante o televisor sobre os dereitos e deberes de todo o mundo por igual e, por último, aos meus amigos e amigas por deixarme ser como son”.

A continuación, tras recibir as pertinentes felicitacións, a alcaldesa entregoulle unha réplica da escultura “Anduriña” (cuxo orixinal se pode ver na Praza da Gándara), do escultor luso Manuel Patinha –Fillo Adoptivo de Narón desde o ano 2016- en recordo desta homenaxe. Pola súa banda, a edil de Igualdade, Teresa Sabio, que tamén destacou a labor de Hernáez, entregoulle un ramo de flores e dous convites para a Cea da Muller que se celebrará o vindeiro 22 de marzo nas instalacións de Sercotel Odeón, na Gándara. Será precisamente o día 22, a partir das 21.30 horas, cando teña lugar unha nova homenaxe a Izaskun Hernáez, nesa ocasión rodeada por máis familiares e amizades, así como representantes da corporación local que acudirán a esta cita. As mulleres que desexen asistir poden adquirir os convites nas instalacións de Sercotel Odeón, a un prezo de 20 euros por persoa.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …