O Festival Atlántica leva a Ferrol os narradores Yoshi Hioki, Pep Bruno, Maricuela e Quico Cadaval

Suso Basterrechea presentando o Festival Atlántica | Concello de Ferrol

O Festival Atlántica recunca este ano en Ferrol con media ducia de funcións gratuítas grazas á colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Ferrol. Os narradores Yoshi Hioki, Pep Bruno, Maricuela e Quico Cadaval van encher a cidade de historias para nenos e maiores entre os días 14 e 16 de marzo, nun evento que foi presentado na mañá do mércores polo concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea.

Esta será a terceira edición consecutiva na que o Festival Atlántica ten Ferrol coma unha das súas sedes, onde o concelleiro de Cultura mostrábase encantado por poder continuar con este festival «con grande éxito de público nas duas anteriores edicións na nosa cidade» e dando un paso máis, porque por primeira vez unha das actuacións terá lugar no Auditorio de Ferrol.

As actividades comezarán o xoves 14 de marzo con dúas funcións protagonizadas polo xaponés Yoshi Hioki. Este programa dobre arrincará ás 18 horas con ‘Contos tradicionais do Xapón’ na sala de audiovisuais da Biblioteca Municipal (convites a retirar na biblioteca). As tramas destas historias, dirixidas a nenos entre 3 e 8 anos, inclúen campesiños dos arrozais e nobres da corte imperial, animais e monstros, dragóns e bolboretas, mesturando sempre a poesía e a picaresca.

Un pouco máis tarde, ás 20.30 horas, Hioki recuncará con novas historias do afastado oriente, pero desta volta dirixidas ao público adulto. A cita será no Centro Cultural Torrente Ballester, onde os maiores gozarán da habilidade do artista xaponés para ‘pintar’ as historias e os costumes do seu país con humor e sensibilidade. Para esta función cómpre retirar os convites gratuítos na billetería do Teatro Jofre.

No referente ao venres, 15 de marzo, será Pep Bruno quen desenvolva un novo programa dobre. A xornada comezará ás 18 horas cunha actuación para os pequechos na sala de audiovisuais da Biblioteca Municipal (convites a retirar na biblioteca). Trátase de ‘Na miña mochila traio contos’, un espectáculo dirixido a nenos entre 3 e 8 anos que é un convite para acompañalo polas historias que foi recollendo nas súas viaxes arredor do mundo.

Xa á tardiña, ás 20:30 horas, Bruno ofrecerá unha sesión de ‘Vellos contos de novo’ para público adulto no Centro Cultural Torrente Ballester, tamén con convites gratuítos que deben retirarse na billetería do Teatro Jofre. Será a quenda logo de historias de picaresca, tradición, humor e erotismo… Contos procedentes da tradición pero tamén de coleccións clásicas como O Decamerón, O asno de ouro, as fabliaux ou as fábulas de Esopo e Samaniego.

En canto ao sábado, Maricuela chegará disposta a arrincar a gargallada con ‘Historias de risa sen présa’. O espectáculo, concibido para nenos entre 3 e 8 anos, vai ser no Centro Cultural Torrente Ballester, a partir das 12 horas. Nesta función Maricuela vai ser quen de probar que hai un conto para cada momento e para logralo vaise valer de palabras, obxectos, monicreques, poemas, libros, cantos e contos.

O sábado pola noite, a partir das 21 horas, o programa de actividades do Festival Atlántica en Ferrol terá un peche de ouro coa actuación de Quico Cadaval no Auditorio. Ao igual que as demais funcións para adultos, os convites gratuítos deben retirarse na billetería do Teatro Jofre.

O mestre da narración oral galega vai levar á escena ‘Os inocentes’, un tríptico con tres protagonistas, Manuel, Marquiños e Pastor, que fan honra a todos os alcumes, humillantes ou compasivos que se lles colocou a estas personaxes: almiñas, mansos, á boa de deus, que lles falta un fervor, que están mais aló ca acó… Personaxes que dende a súa singularidade mental, ou filosófica, ofrecen lecturas iluminadoras sobre a gran creación dos xuizosos e intelixentes: a guerra. Un espectáculo épico, en todos os sentidos da palabra.

Lea también

Concierto por el 75 aniversario de la Filarmónica Ferrolana

Este jueves día 18 a las 20:30 horas en el Auditorio de Ferrol,  la Filármonica …