Aprobada a candidatura do BNG de Narón ás municipais cunha grande renovación e con apoio de persoas históricas da organización

O BNG de Narón vén de aprobar en asamblea por unanimidade a candidatura para as municipais do vindeiro 26 de maio. A lista, na liña proposta polo BNG nacional, presenta unha importante renovación con xente preparada e que abrangue todos os ámbitos. Así, persoas como Xiana González (lectora do manifesto na mobilización do pasado 8 de marzo por Galegas8M), Geno Carballeira (presidente da AVV de Doso e técnico de alarmas), Dolores Castro (directora da escola da Galiña Azul de Xuvia) ou Manu Hermida (traballador do naval) dan un paso á fronte para acompañar a Olaia Ledo no primeiro tramo da lista.

Con representantes de todas as parroquias, a candidatura representa “o Narón que queremos, un Narón que mira con ilusión e ideas claras unha cidade que sexa sinónimo de calidade de vida”, explicou Ánxel Rial, responsábel local do BNG, quen subliñou ademais que a lista está integrada por persoas de todos os sectores, desde a sanidade ao mundo sindical –Rodolfo Fernández ou Marcos Sánchez-; educativo, pensionistas ou traballadoras autónomas. “Hai xente nova de idade que ten tamén o seu oco para amosar o Narón do futuro; estudantes e mocidade que volve da emigración que, no seu conxunto, conforman unha candidatura plural, cunha participación moi activa no tecido asociativo do concello e con máis mulleres que homes”.

A candidatura está integrada por vinte e unha persoas máis dez suplentes. “Gustaríanos poñer aínda a máis xente, pero a Xunta Electoral só nos permite poñer dez suplentes, polo que só podemos agradecer a todas as persoas que amosaron a convicción de dar un paso á fronte para representar ao BNG. Estamos moi satisfeitos co resultado”, indicou Olaia Ledo.

Desde a asemblea local tamén se quixo facer unha mención especial ao actual grupo municipal, que pecha a candidatura e que, engadiu Rial, “demostrou o bo facer do BNG como marca e modelo. No Concello de Narón pasouse de falar de obras faraónicas e de construción sen ordenamento, a falar de eficiencia enerxética, de servizos sociais, de promoción dos produtos de proximidade, de conciliación, de humanización… e agradecemos o traballo de Teresa Sabio e Xosé Gómez Fandiño, que levan traballando xenerosamente polo benestar da veciñanza e que asumiron todos os retos que se foron atopando. Hoxe, Narón é mellor grazas tamén ao BNG e aos compañeiros que o representaron até o de agora”.

Deste xeito, a propia candidatura amosa unha representación dese BNG “histórico” nas suplencias con Eva Guerrero, José Ángel Rodríguez, Marica Sánchez, Paco Sanesteban ou Xosé Miguel Varela. “A carreira das municipais comeza incluso antes das eleccións xerais e o BNG de Narón preséntase cohesionado e cos deberes feitos”, rematou o responsábel local.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …