Ana Pontón (BNG) pide a Ferrol que use o seu voto nas xerais e locais para frear a discriminación coa cidade

Ana Pontón e Iván Rivas en rolda de prensa | BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou á cidadanía de Ferrol a aproveitar as citas electorais do 28 de abril e do 26 de maio para usar o seu voto para poñer fin á discriminación por parte dunhas forzas políticas estatais, vellas e novas, que demostraron que “pasan olimpicamente” das necesidades da cidade departamental e da comarca.

Nunha rolda de prensa co candidato á alcaldía polo BNG, Iván Rivas, Pontón puxo como exemplo desa discriminación o “desmantelamento” do transporte por tren que, sumado a un deficiente sistema de autobús urbano e metropolitano, limita a mobilidade da veciñanza de Ferrol e da súa área nun aspecto “clave para mudar a dinámica económica e social”.

A alternativa que nos queda é cambiar esta situación e para iso a cidadanía ten dúas oportunidades: Utilizar o seu voto o 26 de maio, no que o BNG presenta un programa claro de transporte público, e tamén temos o 28 de abril para colocar en Madrid unha voz que defenda un transporte digno para Ferrolterra, algo que non se fixo nesta lexislatura ante o pasotismo das forzas estatais, tanto PP, PSOE como En Marea-Podemos”, explicou Pontón.

A dirixente nacionalista relatou en primeira persoa a dificultade de desprazarse desde Santiago a Ferrol en transporte público, con horarios imposibles e prezos inasumibles que, na práctica, non permiten o uso do tren o autobús. “Intentei vir en tren desde Santiago pero era imposible, e por bus a alternativa non era mellor porque precisaría case todo o día para chegar a unha das grandes urbes deste país”.

Esta situación ten responsables tanto da Xunta como do Goberno central que, no fondo, priman os intereses de AUDASA porque se houbese un bo sistema de transporte público a concesionaria da AP9 perdería usuarios e polo tanto beneficios, así que somos reféns de AUDASA non só pola estafa das peaxes senón tamén polo deficiente transporte público”, alegou.

Convencida de que a solución non vai vir desde fora, Pontón aposta por transferir a Galicia a competencia das infraestruturas ferroviarias, “para deseñar un modelo desde aquí porque realmente os únicos que trens que funcionan desde Ferrol son os que están pensados para viaxar a Madrid”.

Se a mobilidade por tren é deficitaria outro tanto pasa co transporte urbano e metropolitano. O portavoz municipal e candidato nacionalista, Iván Rivas, culpou tanto á Xunta como ao goberno local “que segue sen exercer as súas competencias nesta materia e permite que a veciñanza soporte un servizo deficitario”.

Rivas puxo como exemplo desa falta de iniciativa o feito de que o Executivo ferrolá veña de renovar a concesión de transporte metropolitano mantendo a concesión as mesmas empresas desde fai décadas, “nas mesmas condicións de precariedade para a veciñanza e nas mesmas vantaxes económicas para as empresas beneficiadas”.

A milonga da intermodal

O BNG aposta pola creación dunha empresa pública para xestionar o transporte urbano e metropolitano por autobús, en lugar de tentar colocarlle á cidadanía a “milonga” dunha intermodal cando a cidade carece tanto dun bo servizo de tren como de autobús. “PP, Xunta, goberno local, todos din apostar por unha empresa de transporte público pero todo o que fan vai na dirección contraria”, denunciou.

O problema, agravado, en opinión do BNG, coa decisión da Xunta de unificar transporte escolar e regular, coa complicidade do Goberno de Ferrol-, “só se soluciona coa xestión municipal do servizo que poña o interese da veciñanza por riba dos das concesionarias“.

Hai unha evidente intención de que todo siga igual, de beneficiar as concesionarias e de empeorar o servizo”, sintetizou Rivas, quen asumiu o compromiso reverter esta situación se o 26 de maio ten un apoio suficiente da veciñanza.

Si temos capacidade a partir do 26 de maio imos a recuperar concesións, anular o procedemento iniciado pola Xunta e asumiremos que o transporte é unha das prioridades que debe ter o concello de Ferrol para prestar un servizo de maneira directa aos veciños e as veciñas, dunha vez por todas a favor das persoas e non das concesionarias. E todos os concellos que se queiran sumar a esta iniciativa serán benvidos, pero hai que rematar cos privilexios primando o interese xeral”, concluíu.

Lea también

Rey Varela promete mejorar la comunicación y accesibilidad entre A Graña, San Felipe, Valón y Brión

El candidato a la alcaldía de Ferrol por el Partido Popular, José Manuel Rey Varela, …