Celebrado o acto inaugural do I Congreso Internacional On your bike! no Pazo da Cultura de Narón

Algo máis de 120 escolares de centros educativos de Narón, Noruega, Finlandia, Turquía e Portugal asistiron na mañá deste mércores á primeira edición do Congreso Internacional On your bike! . O Café Teatro do Pazo da Cultura acolleu o acto inaugural, ás 10.30 horas, no que participou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro. A rexedora local trasladoulles aos asistentes, entre os que tamén se encontraba persoal docente e do Centro de Formación e Recursos de Ferrol, a súa satisfacción por poder acompañalos novamente nesta iniciativa do programa europeo On your bike! O Concello de Narón participa, a través do CFR de Ferrol, xunto cos colexios plurilingües Virxe do Mar e Ponte de Xuvia e o CEIP da Solaina.

A alcaldesa destacou a importancia de que a través dun evento como o celebrado este mércores no Pazo “poderemos coñecer un pouco máis o traballo que realizades en materia de educación viaria nos vosos centros, compartíndoo con nós, e tamén ver o que nestes últimos anos se avanzou en Narón nesta área”. Ferreiro recordou algúns dos últimos programas e iniciativas impulsados desde o Concello de Narón, como os Camiños Escolares Seguros, os circuítos de educación viaria, os tapices educativos ou o programa Bica e Arrinca. Finalmente, na súa intervención, a rexedora local animou aos estudantes e docentes europeos a continuar gozando desta semana de actividades e lecer na cidade.

Trala intervención da alcaldesa falaron os integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello naronés, Pedro Caneiro e Sonia López, que resumiron o traballo que se leva realizando na cidade nesta área nos últimos doce anos para, a continuación, proxectar un vídeo con parte das actividades dos últimos anos nos centros educativos de Narón. O alumnado dos colexios de Finlandia e Noruega foi o seguinte en presentar o seu traballo nos respectivos vídeos antes dunha pequena pausa para, a continuación, proxectar os realizados polos centros de Portugal e Turquía.

Nun dos descansos do Congreso os asistentes realizaron unha visita guiada polas instalacións do Pazo da Cultura.

O programa inclúe a maiores unha visita este xoves ao CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, donde amosarán comidas e vestimentas propias de cada país participante neste programa e realizarán un percorrido en bicicleta polo paseo de Xuvia e ata o estanque de mareas, en Neda. O venres desprazaranse ao CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, donde participarán nunha xincana de habilidade e colaborarán no deseño dun circuíto de educación viaria no propio centro.

 

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …