85 deportistas e 14 equipos disputan este xoves o X Tetramaratón de San Sadurniño

Mesón O Forno, campiones do Tetramaratón 2018 – Concello de San Sadurniño

Ás 9.30h. deste Xoves Santo comezará no pavillón municipal e nas pistas do CPI a décima edición do Tetramaratón de San Sadurniño. Un evento que enfrontará a 14 equipos xogando a catro deportes distintos: fútbol sala, volei, hóckey e baloncesto. En total xuntaranse na pista arredor de 85 deportistas con idades e estados físicos tamén moi distintos. De feito, a competición empezou hai varios días co mercado local de fichaxes no que se configuran as escuadras, que pouco varían dun ano a outro. No deseño dos equipo búscase o equilibrio entre a puxanza da mocidade e o saber da veteranía e, obviamente, un desempeño máis ou menos bo nas catro disciplinas. O tetramaratón é todo un espectáculo tamén para o público por dous motivos: porque se ven xogadas incribles -unhas ensaiadas e outras meras chiripas- e tamén polos piques, sempre sans e en tono de humor, que saltan a cada pouco na cancha.

A competición desenvolverase con versións dos catro deportes adaptadas ao espazo e tamén á rapidez coa que debe resolverse o tetramaratón. No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de catro contra catro tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckey o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.

Nos últimos días houbo cambios na planificación con respecto ao ano pasado, cando todos os deportes estiveron concentrados no pavillón e no ximnasio do CPI. Nesta ocasión volverán para fóra o fútbol sala e, se non chove, tamén o hóckey, deixando no pavillón a disputa dos partidos de volei e o baloncesto na pista cuberta do colexio.

No sorteo definíronse tres grupos, o A e o B con cinco equipos cada un e o C con catro. Os partidos ganados nos dous primeiros valerán 1,5 puntos e o empate 0,75. No grupo C as victorias valerán 2 puntos e os empates 1 punto. Os equipos deberán enfrontarse nun todos contra todos dentro de cada grupo e, unha vez se complete a fase de grupos, xogarán as semifinais os 4 equipos que sumen maior puntuación, independentemente do grupo ao que pertenzan.

Nesta competición priman a forma e a polivalencia. Dúas características que marcan a maneira en que se forman os equipos nos días previos á competencia. Todos eles adoitan ser eclépticos, con xente moi nova e algunha non tanto, con compoñentes de deporte diario e compoñentes máis sedentarios… O que si é común é o esforzo que se fai para buscar aliñacións nas que se xunten cracks en distintas disciplinas e, se se pode, que se defendan ben en todas. O resultado é que os encontros se van sucedendo moi igualados e cunha emoción que vai medrando a medida que se van acumulando puntuacións.

O tetramaratón tamén é moi competitivo, polo que case sempre hai algún pique propio da contenda que, porén, nunca sae da pista e, de facelo, é para tomar unha birra durante o terceiro tempo mentres se discute se foi ou non foi gol, se esta ou aqueloutra patada era necesaria e -tema común- para arremeter contra o equipo arbitral, que nunca se salva da protesta a pesar de facer sempre un labor excepcional.

O X Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica da Deputación da Coruña.

Lea también

Álex Rilo, representación ferrolana en la Copa del Mundo de Lievin

El ferrolano Álex Rodríguez Rilo disputará este sábado la Copa del Mundo de Lievin en …