Dende embaixo

`Nesta comunicaçom (…) quero ordenar alguns dados e sugerir algumhas possibilidades em torno às linhages de Esquios e Lagos, documentados na baixa Idade Média na comarca de Ferrol; linhages às
que parecem pertencer os trovadores Fernando Esquio e Fernam do Lago (…). ́

O anterior fragmento pertence a un pequeno artigo recollido nas `Actas del I Congreso de la Asociación Hispánica de Literatura Medieval ́, dado entre os días 2 ó 6 de decembro do ano 1985 en Santiago de Compostela e escrito polo ilustre Don Ricardo Carvalho Calero. Dito artigo resulta chamativo para aqueles que se interesan pola historia máis esquecida da comarca ferrolá. Nel, segundo a nosa
opinión, podemos esbozar dous planos: un que amosa un interese do autor por xustificar a procedencia trasanquesa das devanditas figuras e outro no que se pretende encadralas atendendo a un momento sinalado da nosa lingua. Non podemos obviar nesta apreciación a orixe do escritor e o seu encadre nun marco moito máis amplo que conforman os territorios de fala galaico-portuguesa; máis concretamente do soar galego.

Deste xeito, atendendo ó nivel municipal e ó autonómico, veremos de qué modo se lle ten retribuído
a Carvalho Calero unha vida adicada á lingua propia de Galiza; un periplo no que nunca esqueceu a súas
orixes (coma se amosa nas súas composicións poéticas en torno ó seu natal Ferrol Vello p.e.).
Comezando precisamente pola cidade na que veu ó mundo, non hai mellor mostra do xeito no que
se lle ten lembrado que a ruinosa casa que constituíu unha das moradas da súa familia ó carón da Praza
Vella. A día de hoxe non se pode expresar máis que a vergoña que constitúe que unha das vivendas do
que ten sido o meirande estudoso da lingua atópese de tal meneira (poderiamos tamén extender dita crítica ó conxunto da cidade vella). A ninguén se lle ocorrería, por exemplo, que o Concello de Padrón tivera a casa de Rosalía nun completo estado de abandono. Iso é precisamente o que está a pasar nesta cidade. Se, de feito, nalgún intre lembraron a Carvalho Calero, foi á hora de lle adicar un centro cultural que virá a colación máis adiante con motivo da necesidade de utilización e mellora do mesmo.

Se imos cara o nivel autonómico, atopamos coma as institucións oficiais teñen marxinado a insigne
figura; destacando o demorado Día das Letras Galegas á súa persoa. Malia isto, non deixa de ser curioso
coma o recurso da obviedade intencionada non é capaz de negar a súa importancia, e máis cando a día de
hoxe segue a ser de obrigada referencia en eidos coma o da gramática ou o da historia da literatura. E isto
é algo que non se pode negar. Toda a teima cara a súa figura xorde neses últimos anos cando formulou a
posibilidade de achegar o galego cara o portugués; salvando a grafía tomada pola influencia histórica do
castelán. Non hai outro motivo polo que se poida explicar semellante actitude por parte da oficialidade.

Mais non todos teñen esquecido a Carvalho. Se atendemos ás asociacións formadas dende a cidadanía, poderemos ver que sempre hai tempo para calquera actividade en torno á súa figura, sexan do tipo que sexan. Así, vimos de ver roteiros e recitais baseados na súa produción poética, concentracións en torno á casa de Ferrol Vello durante o cabodano do seu pasamento… Son accións que están a ser promovidas dende fóra dos ámbitos institucionais e que o manteñen no recordo malia o descrito dende o local e o nacional.

Chegados até este punto, dicir que os esforzos por manter na memoria a Carvalho Calero proseguirán, sen dúbida, coa fin de facer fronte ó esquecemento xeralizado. E é por isto último que convidamos a todos aqueles que leades este artigo a participardes nos próximos eventos vinculados á súa persoa os vindeiros días 3, 10 e 31 de maio desenvoltos polo `Grupo de poesía e teatro O Faladoiro ́; nos que, respectivamente, se retomará o roteiro, lecturas e representación unidos á súa obra, se fará un acto de protesta ante dito centro que leva seu nome e se volverá recitar unha escolma de pezas baixo o título A erótica do Contrapoder. Animádevos!

Lea también

Las Leyes Electorales y los Ciudadanos

Juan Cardona. (www.juancardona.es) Asistimos atónitos a la pelea de gallos en la que participan nuestros políticos, …