A alcaldesa desprazouse ao CEIP Ponte de Xuvia con motivo do XXX aniversario da revista “A Ponte”

Fot. Concello

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse este mércores ao CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, convidada desde o centro con motivo da presentación da exposición sobre o trixésimo aniversario da revista “A Ponte”. Nesta publicación, que verá a luz nos vindeiros días e que se edita cada ano, dende hai trinta, coincidindo coa festividade das Letras Galegas, participaron activamente os alumnos e alumnas de todos os cursos, e o persoal docente, algo máis de duascentas persoas en total. O director do colexio, Carlos Pena, e representantes do profesorado, así como algúns pais e nais, tamén acudiron á cita.

Ferreiro agradeceu aos rapaces e rapazas que asistiron ao acto o feito de que a convidasen con motivo deste evento, do que subliñou a súa importancia en canto ao traballo realizado polos escolares e polo que esta publicación supón de cara “á recuperación de parte da historia da cidade, da nosa cultura e tamén da nosa lingua, o galego”. Ferreiro recordou tamén aos escolares que a entrevistaron como alcaldesa hai unhas semanas no Concello con motivo do número trinta desta publicación.

Así mesmo, destacou o traballo da comunidade educativa do citado colexio, “por manter viva ano tras ano, dende hai trinta, esta publicación, renovada e adaptada aos tempos pero coa cidade de Narón, a cultura e lingua galegas como eixos vertebradores da mesma”.

A alcaldesa aproveitou a súa visita ao CEIP Ponte de Xuvia para ver os exemplares que forman parte desta exposición, que se colocaron á entrada do centro e donde tamén se avanzou a portada desta trixésima edición, que terá medio cento de páxinas. Traballos escolares, proxectos, excursións, pasatempos… forman parte dos contidos de cada número da revista “A Ponte”. A exposición poderá verse durante toda a vindeira semana na entrada do centro, donde permanecerán os exemplares xa editados desta publicación, tal e como avanzaron desde o centro.

Antes de abandoar as instalacións educativas, a alcaldesa recibiu como agasallo un calendario editado polo colexio, no que figuran os proxectos nos que participan, e asinou no libro de visitas, agradecendo o convite ao acto celebrado hoxe e animando aos escolares e docentes a continuar traballando na mesma liña.

Lea también

Vendidos 9 cupones de la ONCE premiados con 35 mil euros cada uno. En Freixeiro, Narón

El sorteo diario de la ONCE de este jueves, día 18,  ha dejado en Narón …