Marián Ferreiro presentou o programa de TEGA para concorrer ás vindeiras eleccións municipais

Marián Ferreiro, candidata de Terra Galega á Alcaldía de Narón, presentou na mañá deste venres no Arena 76 Centro de Negocios, no polígono da Gándara (Narón), o programa deseñado polo equipo de TEGA para concorrer ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. Acompañada por parte dos integrantes da lista desta formación política, Ferreiro recalcou os puntos de traballo nos que se centrará o seu equipo nos vindeiros catro anos. “Camiñamos na boa dirección pero aínda non nos conformamos, queremos moito máis para Narón e temos todo o necesario para conseguilo”, subliñou. «Un equipo homes e mulleres de Narón, traballador e unido, con ideas claras e determinación para levalas a cabo nos vindeiros catro anos son as bazas de TEGA para conseguir que a oitava cidade de Galicia continúe progresando e medrando con paso firme”.

Humanizar os barrios

Ferreiro avanzou que Terra Galega aposta por continuar humanizando os barrios do núcleo urbán da cidade; por incrementar o investimento nas áreas de dependencia, benestar, igualdade e conciliación e fomentar actividades empresariais e dinamizar a industria turística, tal e como se está facendo. Así mesmo, a cultura e o deporte, asegurou, “continuarán sendo pilares fundamentais nesta cidade, co que seguiremos destinando importantes partidas dos orzamentos municipais a ofertar novas instalacións e mellorar as existentes”.

Unha cidade máis humana, un Narón para as persoas, a dinamización económica e turística e o Deporte e a Cultura centran os eixos do programa electoral de Terra Galega, no que se inclúen novidosas propostas encamiñadas a manter esta cidade como un referente non só na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, senón tamén en Galicia. A candidata de TEGA incidiu en que “queremos que toda a xente de Narón poida sentir esta cidade coma súa, que sinta que pode dicir que no sitio onde vive é o lugar onde quere quedarse”. Ferreiro asegurou que TEGA quere que Narón sexa “a cidade do futuro feita presente”, un obxectivo para o que, apuntou, “temos todo para seguir medrando e para acadalo entre todas e todos”.Esta é a esencia do noso proxecto, pór en valor o que somos, as persoas, as nosas tradicións e apego, o que nos fixo ser grandes e o que, en definitiva, nos fai ser Narón”.

Primeiro spot da campaña

Despois da intervención de Ferreiro presentouse o primeiro spot de campaña da formación, que se poderá ver nas redes sociais do partido (Facebook: TEGA Narón) e tamén se entregaron as primeiras revistas de TEGA, co lema de campaña, Somos Narón! e nas que se recolle o programa electoral, dividido en catro áreas: Unha cidade máis humana, Narón para as persoas, Dinamización Económica e Turística e Vive o Deporte e a Cultura. Nas últimas páxinas da publicación figura unha fotografía de tódolos integrantes da candidatura de TEGA Narón e tamén unha decena de compromisos de Marián Ferreiro como candidata á Alcaldía da cidade, para poñer en marcha no período 2019-2023.

Compromisos

Entre eses compromisos figuran a habilitación dunha senda peonil e ciclista que una os paseos marítimos de Xuvia e Freixeiro, a construción ou remodelación dunha ducia de zonas verdes ou de lecer, incluíndo unha piscina ao aire libre no Couto; a posta en valor do muíño de Xuvia como un Centro de Interpretación, creando un espazo musealizado; a extensión da rede de saneamento e a construción dunha piscina terapéutca e un centro cívico social no antigo cuartel da Garda Civil de Xuvia.

A urbanización do contorno do centro de saúde e a construción dun novo aparcadoiro; a remodelación da Praza da Constitución con máis zonas verdes e elementos de xogo infantil e biosaudables; e a habilitación dun parque cuberto na Praza 23 de Novembro forman tamén parte dos proxectos de TEGA para o vindeiro mandato na cidade.

Así mesmo, na área social, cederanse á Xunta os terreos necesarios para construír unha residencia para persoas maiores, impulsaranse novas especialidades de formación, traballarase para acadar a rebaixa do prezo do solo industrial e favorecerase o asentamento de novas empresas e o afianzamento das existentes, recuperaranse as festas de verán en Xuvia, crearase un campo exterior para tiro con arco e renovaranse instalacións deportivas.

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …