Iván Rivas: «O Concello debe liderar as demandas educativas da cidade en defensa do ensino público»

Instante da reunión coa Federación de AMPAS | BNG

O BNG de Ferrol mantivo un encontro coa Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra co obxectivo de abordar e coñecer de primeira man a situación na que se atopa o ensino público na cidade e da que os nacionalistas sacan varias conclusións de cara ao vindeiro mandato.

En Ferrol «estáse a producir un detrimento constante do ensino público en favor dos centros concertados«. Os datos de matriculación en Ferrol dos últimos catro anos amosan que mentres a privada-concertada segue a manter o mesmo número de unidades (pese ao descenso de alumnado), centros públicos coma os de Pazos (-1), Recimil (-2) e A Laxe (-1) perderon catro unidades. No último curso escolar 2018/2019 a oferta de prazas nos colexios públicos de Ferrol foron 291, fronte as 400 da privada-concertada. O Concello, como administración pública que é, «debe adoptar medidas urxentes para poñer en valor o ensino público na cidade, medidas que pasan, por exemplo, por bonificar aos centros públicos con axudas tanto á escolarización como aos comedores escolares«.

A Administración local debe servir ademáis «de intermediaria e interlocutora entre os centros o resto de organismos coma o CIS ou a Universidade, co obxectivo de converterse nun elemento dinamizador dos centros públicos, poñéndoos en valor a través de convenios e converténdoos en atractivos para incrementar as súas matrículas. Isto conséguese a través da alianza entre los colexios públicos e os centros de investigación potentes ou centros culturais de referencia, o que favorecerá e aumentará o prestixio nestas escolas«.

En dito encontro, os nacionalistas e a Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra abordaron tamén a situación actual dos comedores escolares, «tristemente protagonizada pola precarización non só do servizo, senón da situación laboral dos seus traballadores e traballadoras. Cómpre esixirlle á Xunta de Galiza que cumpra coas súas obrigas para rematar dunha vez por todas coa pasividade dos últimos oito anos e o deterioro constante do servizo«.

Outro dos aspectos a tratar foi o transporte escolar. Para o BNG «é aberrante a mestura do transporte regular e escolar posta en marcha pola administración autonómica. Os nenos e nenas desta cidade deben contar cun transporte exclusivo, polo que o obxectivo do BNG é un servizo para todos os centros públicos, sen que estes se vexan condicionados polo horario de dito transporte (tal e como acontece na actualidade en algúns centros da cidade)«. Os nacionalistas denunciarán a nova concesión que FeC e Xunta teñen acordado, «e que vai en contra dos intereses das familias ferrolás«.

Dende a Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra salientouse ademais durante o encontro a necesidade de crear unha nova zonificación na cidade, co obxectivo da adscribir aos nenos e nenas a un centro de ensino público preto do seu domicilio. Cómpre evitar, tamén, os colexios “refuxio” para determinadas problemáticas.
Doutra banda, o BNG considera imprescindible que o Concello «manteña un liderado das demandas educativas da cidade con respecto ás infraestruturas, establecendo unha orde de prioridades, para que o desenvolvemento desas infraestruturas por parte da administración competente non se faga con carácter discrecional. Exemplos claros disto atopámolos nos vestiarios do Masdías ou no ascensor do Sofía Casanova. O Concello debe loitar para frear o deterioro do ensino publico, deixando de lado a actitude neutra e pasiva que se leva mantendo nos últimos anos, co obxectivo de que os nenos e nenas conten coa posibilidade de acceder a un ensino público de calidade que non responda a ningunha doutrina«.

Lea también

«O Talentiño», certamen ferrolano que promueve el talento juvenil, ya en su recta final

«O Talentiño», el prestigioso certamen ferrolano del Concello de Ferrol que celebra y promueve el …