O campo municipal de Sinde acolle este venres o Campionato Galego de seleccións comarcais

Instante da presentación do campionato | Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, Román Romero, o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol e o seu delegado en Ferrolterra, Juan Luis Villamisar e Manuel Mesa, respectivamente, e o presidente da Sociedade Deportiva O Val, Antonio López, presentaron esta mañá no Concello a fase final do Campionato Galego de seleccións comarcais sub 15 masculinas e sub 14 femininas que se desenvolverá este venres no campo de fútbol municipal de Sinde, no Val. A Real Federación Galega de Fútbol organiza este evento deportivo, no que colaboran o Concello e a Sociedade Deportiva O Val, e no que participarán oito seleccións: catro masculinas e outras tantas femininas, de Vigo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra.

O primeiro partido, de semifinais da categoría feminina sub 14, será o venres a partir das 11.00 horas no campo de herba artificial, entre as seleccións da Coruña e Vigo para, a continuación, ás 12.15 horas, iniciarse o das de Ferrol e Pontevedra. Pola tarde disputaranse o terceiro e cuarto posto –entre os perdedores das semifinais- a partir das 16.30 horas e a final xogarase –os gañadores das semifinais- ás 17.45 horas.

No que respecta á categoría masculina sub 15 os partidos disputaranse no campo de herba natural. Nas semifinais xogarán a partir das 11.00 horas as seleccións de Vigo e Ferrol e ás 12.15 as de Pontevedra e A Coruña. O terceiro e cuarto posto disputaranse pola tarde, a partir das 16.30 horas e a final comezará a xogarse ás 17.45 horas.

Mesa agradeceu a colaboración do Concello de Narón e da Real Federación Galega de Fútbol, por ofrecer a oportunidade de organizar este evento na cidade, e tamén o respaldo dos clubs, sen o que “sería inviable”. Na mesma liña se pronunciaron Villamisar e Antonio López. Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, Román Romero, asegurou que “é un orgullo para o Concello de Narón poder celebrar aquí este Campionato galego de seleccións comarcais”, ao que convidou a asistir á veciñanza, con entrada de balde, tal e como recordou.

Lea también

A Deputación de A Coruña entrega os premios do IX Circuito de Carreiras en Ruta

O pasado venres desenvolveuse no Pazo de Mariñán a Gala de premiación correspondente ao IX Circuito …